Mentres os prezos dos alugueiros se disparan, medra o número de hipotecas
Xa é case 400 euros máis barato pagar unha hipoteca que un mes de alugueiro
O custo medio dunha hipoteca en España rolda os 796 euros, mentres que un alugueiro medio sitúase nos 1.184 euros
Na maioría de cidades e municipios os prezos dos alugueiros seguen disparados. Alugar un piso é un 50 por cento máis caro que hai cinco anos. Por iso cada vez máis persoas se decantan por mercar unha vivenda e hipotecarse.
"Sobre todo nas grandes cidades, practicamente non atopas nada case por menos de mil ou mil e pico euros e as hipotecas andan sobre os 700 euros", di Fernando Casas, membro da Asociación Galega de Inmobiliarias.
"Estamos vendo que aumentaron un 40 % as hipotecas este ano nesta zona", engade Alejandro Piñeiro, axente inmobiliario.
Segundo o Instituto Nacional de Estatística, o número de hipotecas para a compra de vivenda aumentou o ano pasado case un 18 por cento É un cifra récord en 16 anos. Tamén ascendeu a cuantía, o importe medio foi dalgo máis de 160.000 euros, a cifra máis alta desde que hai rexistros.
"Hai sobre todo xente de mediana idade que ten que ter iso si como mínimo ese 20 ou 30 % que se lle piden de aforros para poder mercar, e claro sopesando os números do que custa un alugueiro e unha hipoteca pois decántase máis pola compra", destaca Fernando Casas.
"Entran pola nosa oficina e entran coa intención de alugar e ao final mercan porque botan números e compran", di Alejandro Piñeiro.
Segundo os profesionais do sector a baixada dos tipos de interese inflúe na decisión de mercar unha vivenda. De feito, xa é case 400 euros máis barato pagar unha hipoteca que un mes de alugueiro.