Máis da metade dos galegos pagan a vivenda ao contado e renuncian a pedir hipoteca
Galicia é a quinta comunidade con máis operacións deste tipo
Cinco de cada dez galegos pagan a súa vivenda ao contado, sen hipoteca. O dato exacto fala de que o 54 por cento das operacions de compravenda de vivendas na nosa comunidade resólvense cun pago ao contado. Somos a quinta comunidade con máis operacións deste tipo. Os protagonistas destas operacións, un tipo de comprador concreto.
"Xente duns 40 anos. Os alugueiros están moi caros, e entón é unha forma de investir", di Pilar Fernández, da Inmobiliaria Chan.
Para pagar sen hipoteca un piso de 80 metros cadrados precisamos ter dispoñibles, de media, uns 130.000 euros. A vantaxe é clara: non depender nunca dos bancos... Pero para iso, din algúns propietarios, fai falta moito esforzo.
"Somos moi previsores, unhas persoas aforradoras, e tamén o temos como medio de investimento", di un propietario.
"Eu compreina, a base de aforrar durante moitos anos. Non tiven hipoteca, porque gústame comprar ao contado, se non non compro", afirma outro.
Iso si... a opinión na rúa non é unanime, e moitos non entenden como pode resultar tan doado conseguir unha vivenda sen apoio financieiro.
"É imposible... Eu non entendo de onde sacan os cartos. Porque as hipotecas, por exemplo aquí en Lugo, poden ser de 400.000 euros... Quen ten 400.000 euros?", pregúntase unha luguesa.
Non todos poden, pero o certo é que o Colexio Notarial de Galicia confirma que cada día se venden na nosa comunidade preto de 60 vivendas.