Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Zona Franca de Vigo licitará o centro de tecnoloxía aeroespacial e de defensa de Indra por 40 millóns

A Zona Franca de Vigo licitará o centro de tecnoloxía aeroespacial e de defensa de Indra por 40 millóns

O obxectivo é que a obra estea concluída a mediados de 2027 para que entre a funcionar a finais desde ano

Indra prevé crear 200 postos de traballo directos no complexo situado na rúa López Mora de Vigo

Cedida vía Europa Press Cedida vía Europa Press
G24.gal 28/05/2026 12:34

O Comité Executivo da Zona Franca de Vigo aprobou a licitación do centro de negocios e do Centro de Excelencia Aeroespacial e Defensa de Indra por preto de 40 millóns de euros, ambos os dous situados no VgoTIC Global HUB, na rúa López Mora de Vigo.

Unha vez obtido o visto e prace do Consello de Ministros para acometer a actuación, Zona Franca avanza en ambos os dous proxectos, cuxo prazo máximo de execución das obras será de 48 meses.

O orzamento base de licitación de ambos alcanza os 39,7 millóns euros, cantidade que inclúe a parte fixa da urbanización e edificios (36,7 millóns) e o importe máximo da parte variable de acondicionamentos (case 3 millóns), sinala Zona Franca de Vigo nun comunicado.

Ademais, o Comité Executivo do Consorcio aprobou a adxudicación das obras de reforma do Edificio 4 do VgoTIC Global HUB que aloxará á incubadora de Alta Tecnoloxía startTIC.

Neste caso, o orzamento ascende a 4,4 millóns de euros e o prazo de execución do proxecto será de 10 meses.

A incubadora de Alta Tecnoloxía startTIC de impulso ao sector TIC en Vigo ten un cofinanciamento europeo a través de Fondos FEDER do 60 % e é unha actuación da Zona Franca de Vigo co Centro Tecnolóxico Gradiant e a Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía.

O delegado do Estado na Zona Franca de Vigo, David Regades, indicou que ambos os dous acordos, que supoñerán un investimento de máis de 44 millóns de euros, "son un importante paso adiante para poñer en marcha este gran centro tecnolóxico que será referencial no noroeste peninsular e que imos destinar a usos empresariais avanzados".

O acordo para o Centro de Excelencia de Aeroespacial e Defensa de Indra formalizouse o 1 de xullo de 2025. Contará con máis de 200 postos de traballo directos desde a súa posta en marcha e ocupará o edificio 2 do complexo de López Mora, con 2.390 metros cadrados distribuídos en sete plantas.

Inicialmente fíxase como obxectivo que a obra estea concluída a mediados de 2027 e Indra expón a posibilidade de que puidese haber traballadores no centro xa a finais deste ano.

A instalación dispoñerá de laboratorios e oficinas e configurarase como un espazo de ultraespecialización en alta tecnoloxía aplicada ao sector aeroespacial e de defensa.

Entre as áreas estratéxicas que desenvolverá figuran a defensa electrónica, a vixilancia electrónica, o mando e control estratéxico e os sistemas antidrón.

En paralelo, o centro de López Mora xerará sinerxías coa fábrica de semiconductores fotónicos de SPARC, que se situará no Parque Tecnolóxico de Valladares. Indra é o socio maioritario desta sociedade e espérase que a planta entre en operación durante 2027.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade