Publicador de contidos

Publicador de contidos

Indra investirá 18 millóns nunha fábrica de vehículos militares nas Pontes

Indra investirá 18 millóns nunha fábrica de vehículos militares nas Pontes

Crearanse entre 70 e 120 postos de traballo directos ademáis de numerosos empregos indirectos na cadea de subministración e provedores, segundo informou a compañía

A planta producirá unidades para as Forzas Armadas Españolas 

Indra Indra
G24.gal 30/07/2026 20:55

Indra anunciou este xoves que investirá uns 18 millóns de euros para poñer en marcha unha nova fábrica de vehículos militares nas Pontes (A Coruña), que xerará entre 70 e 120 empregos directos, segundo informou a compañía nun comunicado.

A multinacional española explicou que adquiriu uns terreos de máis de 50.000 metros cadrados, cunha superficie construída de case 15.000 metros cadrados para implantar esta nova instalación.

A fábrica xerará en Galicia entre 70 e 120 empregos directos de alta cualificación, ademáis de numerosos postos de traballo indirectos na cadea de subministración, provedores e servizos asociados, segundo a propia Indra.

A empresa busca dar "un paso adiante na creación dun dos maiores polos industriais de plataformas terrestres de Europa".

Vehículos para as Forzas Armadas españolas 

O centro das Pontes asumirá previsiblemente a integración dos vehículos anfibios de combate, vehículos lanzapuentes e sistemas de artillería sobre rodas que Indra desenvolverá para as Forzas Armadas españolas.

Este centro contará con capacidade para integrar, probar, validar e poñer en servizo estes sistemas, así como abordar programas de alta complexidade e unha pista de probas propia que contribuirá a acelerar a súa execución e entrega.

A instalación sumarase ao centro de produción de Indra en Xixón e elevará a superficie industrial construída coa que conta a división especializada en vehículos terrestres, Indra Land Vehicles, ata os 40.000 metros cadrados.

Esta cifra, no entanto, podería alcanzar os 55.000 metros cadrados coa incorporación dunha terceira planta no corredor norte aínda en proceso de selección.

Fábricas que integrarán dixitalización e intelixencia artificial 

O conselleiro delegado de Indra Group, Josep María Recasens, asegurou que o proxecto no corredor norte español é desenvolver "unha nova xeración de fábricas deseñadas desde cero para integrar dixitalización avanzada, automatización e intelixencia artificial, co obxectivo de situalas entre as máis eficientes e competitivas de Europa".

Indra aspira a dispoñer dunha base industrial "capaz de garantir entregas moito máis rápidas, máis fiables e competitivas que as existentes actualmente no mercado".

500 unidades anuais 

Así, dispoñerá no corredor norte de capacidade de integración e produción de ao redor de 500 unidades ao ano, o que converte a esta rexión nun dos maiores polos industriais especializados en plataformas terrestres de Europa, defendeu Indra.

A compañía contempla multiplicar a súa superficie produtiva, pasando duns 36.000 metros cadrados a máis de 154.000 metros cadrados, mediante un investimento superior a 200 millóns de euros e a creación de máis de 1.000 empregos industriais directos e 1.400 postos de traballo de enxeñería e alta cualificación. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade