Máis dun 85 % da mocidade non se independiza en España polos prezos da vivenda
Actualmente só un de cada seis mozos e mozas pode emanciparse polos prezos da vivenda
En Santiago, por exemplo, disparáronse os prezos un 21,4 % nun ano e o metro cadrado supera xa os 2.100 euros
"A mocidade ten moitos problemas coa vivenda, entón entre todos hai unhas responsabilidades institucionais e tamén de todos aqueles que temos unha vivenda e que alugamos a vivenda. Temos que se corresponsables co momento", opina unha muller á que preguntamos na rúa.
O acceso á vivenda segue a ser un problema en toda España, e Galicia non se libra. En Santiago, por exemplo, disparáronse os prezos un 21,4 % nun ano. O metro cadrado supera xa os 2.100 euros.
A capital galega sitúase por riba da media nacional, onde o encarecemento interanual foi do 14,3 % e o esforzo económico dos que se animan a mercar alcanza o 31 % dos ingresos dun fogar medio.
"En Santiago, por ser universitaria, pola influencia de cidade sede administrativa e turística, e a escaseza de oferta notablemente provoca que ese aumento de prezos sexa maior que noutras cidades. Na Coruña, en Vigo, non cabe dúbida que tamén está subindo pero de xeito máis moderado", destaca Rafael Rey, propietario da Inmobiliaria Rey Xestión de Santiago de Compostela e membro da Asociación Galega de Inmobiliarias.
Os altos prezos para mercar unha vivenda ou para alugar, xunto coa escaseza de oferta no mercado, converte a emancipación da mocidade en misión imposible: o 85,5% da xente nova entre 16 e 29 anos non se independiza en España.
"É difícil acceder á compra como ao alugueiro porque o nivel de endebedamento das familias está roldando entre o 40 e o 45 %", engade Rafael Rey.
"Eu estou vivindo agora de alugueiro porque o prezo está bastamte caro e está bastante complicada a cousa", comenta un mozo.
Na capital galega sitúanse os prezos un 44 % por riba da media provincial. Pese a esta situación, a vivenda en Compostela aínda permanece un 8 % por debaixo dos prezos da cidade da Coruña.
"É a única mane¡ra co acceso á vivenda pública, en lugares como Santiago, A Coruña os prezos son imposibles. Eu teño unha filla e cando se emancipe vialle ser moi complicado acceder á vivenda libre, ten uns prezos prohibitivos", asevera outra das persoas ás que lle preguntamos na rúa.