O aeroporto da Lavacolla comeza a operar con Nova York coincidindo coa súa reapertura
A terminal incorpora doce novos destinos internacionais para tentar levantar o voo tras perder un 30 % de viaxeiros no primeiro trimestre do ano
O aeródromo compostelán recupera a operativa despois de 35 días pechado por obras
A terminal compostelá da Lavacolla recupera a normalidade despois de 35 días pechada por obras. E faino recibindo os primeiros pasaxeiros procedentes de Nova York, o enlace estrela desta nova etapa.
Na mañá deste xoves, sobre as 07:40, aterraba o primeiro destes voos e contra as dez da mañá saía o avión de regreso.
Ata o vindeiro 21 de setembro, será posible viaxar directamente aos Estados Unidos desde Santiago. A compañía United Airlines ofrece,tres frecuencias semanais, os luns, xoves e sábados, por arredor de mil euros. Sobre a posibilidade de prolongala no tempo, o vicepresidente da aeroliña deslizou un "xa veremos" tras confirmar que a demanda ata o de agora "foi forte".
David Kinzelman, asegurou que están "moi emocionados" de estrear este servizo e explicou que o primeiro voo do roteiro "foi fantástico" e "moi curto" mesmo para a tripulación, entre a que había xente de Santiago de Compostela, sinalou en declaracións a medios de comunicación.
"É o noso sexto destino en España. Este país é unha parte importante da nosa rede e desde aquí os clientes poden conectar en Nova York e ir a máis de 120 destinos alén do Atlántico", explicou Kinzelman, que destacou, ademais, a utilidade deste voo para os estadounidenses que queren facer o Camiño de Santiago.
Tamén celebrou este novo roteiro o director do aeroporto, Marcos Díaz: "Supón incrementar as posibilidades de conexión internacional, colocándonos no mapa de rutas dunha compañía de primeiro nivel", dixo.
Ademais deste voo, pola terminal compostelá pasaron nas primeiras horas da mañá deste xoves moitos pasaxeiros con destinos como Madrid, Tenerife ou Lanzarote, que celebraron a reapertura tras máis dun mes de peche.
Aena traballa para reforzar a conectividade aérea en Galicia
A inauguración das novas rutas contou cun acto institucional en que tamén estiveron presentes representantes do Goberno central, a Xunta e o Concello de Santiago.
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, lembrou que a pavimentación da pista contou cun orzamento duns 27 millóns de euros e asegurou que a xestora aeroportuaria Aena segue traballando para reforzar a conectividade aérea de Galicia mediante incentivos vinculados á apertura de novos roteiros.
Pola súa banda, o conselleiro da Presidencia destacou que o enlace a Nova York "non é unha conexión máis" porque chega nun momento "clave", pola grande afluencia de peregrinos dos Estados Unidos.
Diego Calvo insiste en que "se traballamos todos conxuntamente seremos quen de conseguir novas rutas" non só para o aeroporto de Santiago, senón tamén para as terminais aéreas da Coruña e Vigo.
A rexedora de Santiago sinalou que o novo voo é importante para o turismo pero tamén "de moito interese para a cantidade de persoas emigrantes que están nos Estados Unidos".
Goretti Sanmartín pediu máis "complementariedade" entre os tres aeroportos galegos porque a competencia non está entre eles, senón coas terminais do Porto (Portugal) e Asturias.
Coincidindo coa súa reapertura despois de 35 días de obras, a terminal estrea unha nova oferta de rutas a novos destinos nacionais e outros doce internacionais. Así, desde este sábado haberá conexión directa con Ámsterdam e desde o luns, 1 de xuño, coa cidade irlandesa de Cork.
O obxectivo é superar a marca dos tres millóns e medio de viaxeiros e tentar remontar a perda do 30 % de pasaxeiros do primeiro trimestre deste ano.
Coas obras rexenerouse o pavimento da pista, unha renovación necesaria para alongar a súa vida útil, aínda que non supón ampliar a capacidade do aeroporto, dixo o seu director.