Ryanair estaría disposto a regresar a Santiago e Vigo se se rebaixan as taxas aeroportuarias
"Se se corrixen os prezos, volveremos", asegura o conselleiro delegado da aeroliña
Eddie Wilson explica que lle encantaría volver abrir a base de Santiago e ter conexións con Peinador
Arquivo (Europa Press/Ricardo Rubio)
O conselleiro delegado de Ryanair DAC, Eddie Wilson, reclamou novamente este xoves a rebaixa de taxas aeroportuarias en España para que a aeroliña destine máis avións ao país. "Eu quero colocar todos os avións que poida en España, pero hai que cambiar a organización de custos", manifestou durante un encontro de Nova Economía Forum celebrado en Compostela.
"A min encantaríame volver a Santiago, encantaríame volver a Vigo, pero é que a estrutura de prezos en Galicia non apoia esa primeira realidade para que Ryanair consiga ese retorno", indicou.
Wilson explica que lle encantaría volver abrir a base de Santiago e ter conexións con Peinador: “O problema non é a infraestructura. O problema é a xestión”, sinala, e cualificou de escandaloso que, mentres os aeroportos principais como Madrid e Barcelona están cheos, as instalacións das terminais rexionais están baleiras, tristes e soas.
Para o CEO de Ryanair DAC, entre os destinos españois nos que cre que hai marxe para o investimento figuran Zaragoza, Menorca, Granada ou Xerez, mentres conta con nove millóns de pasaxeiros en Málaga.
Destacou a capacidade de atracción de turismo de países como Albania, Turquía ou Marrocos e as medidas postas en marcha por outros territorios, como Italia ou Suecia, para suprimir taxas e atraer visitantes.
A curto ou medio prazo, prognostica un incremento nos prezos dos billetes de avión.