Xunta e sector esixen a Bruxelas retirar o veto ao palangre tras o informe que acredita baixo impacto
Xunta e sector esixen a Bruxelas retirar o veto ao palangre tras o informe que acredita baixo impacto
O obxectivo é a revisión das prohibicións impostas sobre a frota desta modalidade pesqueira, entre elas, as 87 zonas de veda establecidas no Atlántico desde o ano 2022
A conselleira do Mar e os mariñeiros galegos defenderon en Bruxelas os intereses da frota dedicada á captura da pescada. Este mércores, no Parlamento Europeo, solicitaron, entre outras medidas, a retirada do veto ao palangre.
O obxectivo é a revisión das prohibicións impostas sobre a frota desta modalidade pesqueira, entre elas, as 87 zonas de veda establecidas no Atlántico desde o ano 2022. Todo, apoiándose nas conclusións dun informe, que tamén presentaron hoxe na Eurocámara, e que confirma que a pedra-bóla, o seu sistema de pesca, non é unha arte de fondo senón de suspensión, polo que non hai arrastre e o impacto sobre os ecosistemas mariños vulnerables é mínimo.
Con estes datos, piden que o palangre quede fóra dunhas restricións que xa están afectando, din, tanto económica, social como ambientalmente nun sector que eles mesmos advirten, vai ser inviable se estas condicions non cambian.
Un proxecto en que participou a OPP de Burela
O proxecto técnico, elaborado polo Instituto Español de Oceanografía e a Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela, abarca os anos 2023 a 2025 e achega, segundo os seus autores, probas científicas rigorosas que aclaran o impacto real da pesqueira de palangre, a través de datos empíricos que demostran a sustentabilidade da frota.
Conclúe en particular que o pincho é un palangre semipeláxico e non unha arte de fondo.
"Este documento achega evidencia científica de que a pesca con palangre, especificamente a dirixida ao ollomol, non ten impacto nos fondos mariños", dixo en declaracións á prensa a conselleira.
"O que reclamamos é que a Comisión Europea o tome en conta, o estude e reconsidere as medidas desproporcionadas adoptadas, como a prohibición de pescar en 87 zonas do Atlántico nororiental. É unha medida que está a causar moitísimo dano, especialmente á frota da Mariña", engadiu.
Villaverde lembrou que Galicia leva "anos" reclamando, mesmo por vía xudicial, que Bruxelas levante o veto pesqueiro existente.
"Trátase dunha pesca que, como digo, non afecta en absoluto aos fondos mariños e que permite volver pescar en caladoiros naturais; é necesario recuperar esta pesqueira para facela rendible. Agora contamos con evidencia científica avalada por Europa", dixo.
"Esperamos que este informe sexa obxecto de revisión política por parte da Comisión Europea. O que esiximos é que as medidas que se adopten se apliquen con rapidez e urxencia", engadiu a conselleira.