Arde na madrugada unha casa deshabitada en Valsordo (Caldas de Reis)
A vivenda utilizábase como almacén
"En principio o incendio está controlado", sinala o cabo de bombeiros do Consorcio Provincial de Pontevedra

A vivenda era empregada como almacén polo que estaba deshabitada. Non houbo danos persoais, pero todo o que había no seu interior quedou totalmente calcinado.
Condutores que circulaban pola nacional 550 deron aviso á Policía Local de Caldas ás seis da mañá, quen alertou o 112, e despois de asegurar que non estaba habitada, localizaron os propietarios, que vivían noutra casa, a uns cen metros do lugar do incendio.
O fillo dos propietarios, José Antonio Diéguez corroborou os feitos e lamentou o ocorrido: "A vivenda estaba deshabitada. O que había eran cousas de labranza e leña que tiñan gardada". A estrutura da casa a estrutura era de madeira", explica, e sinala que "o importante é que non había vidas, non había animais" no resto da casa, que pertencía en orixe aos seus avós.
O teito -tamén de madeira- derrubouse e toda a casa quedou calcinada, así como o alpendre. Dentro da casa tamén había vehículos agrícolas e produtos de horta.
"Estaban ardendo varias pilas de madeira, o falso teito, todo por completo", sinala Alberto Castro, cabo de bombeiros do Consorcio Provincial de Pontevedra. Ademais, acudiron ao lugar os compañeiros do Parque de Bombeiros de Vilagarcía, que traballaron en conxunto para apagar o incendio da casa.
"En principio o incendio está controlado, nos queda refrixerar o falso teito, mover pilas de madeira e pouco a pouco ir extinguindo por completo este incendio", sinala Castro.
Na extinción participaron bombeiros do Consorcio Provincial dos parques de Ribadumia e Vilagarcía, co apoio de Protección Civil de Caldas de Reis, Policía Local e Garda Civil.