O incendio de Carballedo segue activo, pero xa non hai risco para núcleos habitados
O lume arrasou, polo momento, unhas 50 hectáreas
Un bombeiro forestal rompeu unha perna mentres traballaba
24 horas despois de iniciarse o incendio, os equipos de extinción seguen traballando para sufocar o lume de Carballedo, que se iniciou na ladeira do Miño, á altura da parroquia de Cova. As lapas aproximáronse ás aldeas de Oleiros e Papelle, pero non houbo que desaloxalas.
Si que se evacuaron 53 menores e 11 monitores que participaban nun campamento no concello veciño dos Peares e que, por precaución, foron trasladados a Lugo.
Segundo a Xunta, o incendio leva calcinadas unhas 50 hectáreas. Ten varios focos que se reactivaron cando parecían xa apagados. O alcalde de Carballedo, Julio Yebra, di que o avance é imprevisible, pero que cre que quedará estabilizado en breve.
Aínda na provincia de Lugo, nas últimas horas reactivouse un foco no incendio de Quiroga, na parroquia de Cereixido. As autoridades informan din que o incendio, que se deriva do iniciado en Larouco está practicamente estabilizado, pero os equipos de extinción seguen vixiando e actuando sobre os puntos quentes.