Comeza en Valdeorras unha vendima marcada polos danos dos incendios
Este ano a vendima será algo máis longa do habitual porque teñen que desbotar a uva que puidese estar danada polo lume
Comeza a vendima en Valdeorras. Malia que a afectación total dos incendios na Denominación de Orixe está aínda por determinar, remarcan que os viñedos serviron en moitos casos de devasas e impediron o avance do lume.
Nesta adega de Valdesil recolleron o ano pasado máis de trescentos mil quilos de uva. Este venres arrancan unha vendima, din, completamente atípica.
"Todos temos un certo desánimo por todo o que aconteceu nos últimos días", comenta Raúl Prada, da adega Valdesil.
Este ano a vendima será algo máis longa do habitual porque, din, hai que avaliar danos e desbotar a uva que puidera estar danada polos incendios.
"Esa avaliación non se vai poder precisar ata que termine toda a campaña, pero andará arredor a un vinte ou trinta por cento menos que o ano pasado", di Prada.
Esa cifra en calquera outro cultivo podería ser maior, pero o viñedo, aseguran, serviulles de aliado para loitar contra o lume por varias razóns. A diferenza de altura das vides nunha masa forestal moi alta e a terra traballada arredor aminoran o avance do lume. Ademais as follas e os acios son auga nun oitenta por cento.
"Esa calor extrema que producen estes incendios pode calcinar as dúas ou tres primeiras filas, pero realmente non arde. Nunha zona illada non se vai salvar, pero nun terreo grande actúa de devasa fantástica", di Rodrigo Enríquez Aragón, técnico do Consello Regulador da D. O. Valdeorras.
Contan con protocolos para resolver en adega posibles problemas aromáticos relacionados coa exposición ao fume que sufriron as viñas.
"O produto final está garantido, vai ser excepcional, como sempre o é en Valdeorras", asegura Rodrigo Enríquez Aragón.
O Consello Regulador ten un rexistro aberto para adegas e viticultores no que recollen o grao de afectación polos incendios nas distintas parcelas. En Valdeorras hai máis dun milleiro de viticultores e 42 adegas inscritas. O ano pasado recolleron máis de oito millóns de quilos de uva.