Estabilizado o incendio de Larouco que calcinou 30.000 hectáreas, o máis grande rexistrado en Galicia
Estabilizado o incendio de Larouco que calcinou 30.000 hectáreas, o máis grande rexistrado en Galicia
Toda a provincia de Ourense sigue en nivel 2 de alerta polos grandes incendios que se veñen rexistrando nos últimos días
O incendio da serra do Larouco, que segue activo, é o mais grande rexistrado na serie histórica de Galicia
No que levamos de agosto rexistráronse en Galicia máis de 550 incendios forestais
Ás 11:25 horas de hoxe sábado quedou estabilizado o incendio forestal de Larouco-Seadur, que afecta arredor de 30.000 hectáreas nas provincias de Ourense e de Lugo. Este foi ao longo da semana un dos grandes incendios que arrasaron co 10 por cento da provincia de Ourense. De feito, segue activo en toda a provincia o nivel 2 de emerxencia.
Tendo en conta a superficie queimada, o incendio de Larouco foi ata o de agora o incendio máis grande da serie histórica de Galicia.
Segundo Medio Rural só quedan xa tres incendios activos de máis de 20 hectáreas en Galicia que totalizan 22.550 hectáreas queimadas. Os estabilizados suman outras 62.000 hectáreas calcinadas e os controlados, máis de 4.000, polo que o total destes lumes que aínda non se extinguiron aproxímase ás 89.000 hectáreas.
Segundo o parte facilitado pola Consellería de Medio Rural ás 13:30 horas deste sábado, a situación dos incendios en Galicia é a seguinte:
Estabilizado o de Larouco-Seadur
Ás 11:25 horas de hoxe sábado deuse por estabilizado o incendio iniciado o mércores 13 ás 18:55 horas no concello ourensán de Larouco, parroquia de Seadur, que afecta unha superficie estimada de máis de 30.000 hectáreas en territorio galego, no propio concello de Larouco e nos de Quiroga, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, A Rúa, Petín, Rubiá, A Veiga e Vilamartín de Valdeorras.
Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 53 técnicos, 227 axentes, 296 brigadas, 238 motobombas, 12 pas, 6 unidades técnicas de apoio, 14 helicópteros e 15 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Outros incendios forestais na provincia de Ourense
Activo e estabilizado o foco de Chandrexa de Queixa (Requeixo e Parafita) e activo o de Vilariño de Conso-Mormentelos
O lume de Chandrexa de Queixa (Requeixo e Parafita) e Vilariño de Conso (Mormentelos) continúa activo, malia que evoluciona favorablemente tras estabilizárense os focos de Parafita e Requeixo. Estes incendios comezaron en Chandrexa o venres 8, na parroquia de Requeixo, e o martes 12 na de Parafita. O xoves 14, reactivouse o foco do concello de Vilariño de Conso, parroquia de Mormentelos, que continúa activo.
Segundo as últimas estimacións provisionais, o lume afecta unha superficie de arredor de 19.000 hectáreas, parte delas tamén nos municipios de Manzaneda, Montederramo, A Pobra de Trives, O Bolo e Laza.
Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado, 23 técnicos, 165 axentes, 221 brigadas, 117 motobombas, 19 pas, 17 unidades técnicas de apoio, 34 helicópteros e 29 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Activo o de Carballeda de Valdeorras-Casaio (anteriormente A Veiga-A Ponte)
Permanece activo, desde as 18:42 horas do luns 18, o lume do concello ourensán de Carballeda de Valdeorras, parroquia de Casaio (anteriormente denominado A Veiga-A Ponte), que, segundo as últimas estimacións provisionais, afecta arredor de 3.500 hectáreas e que entrou en Galicia dende Castela e León.
Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 33 axentes, 58 brigadas, 26 motobombas, 4 pas, 6 técnicos, 11 avións e 12 helicópteros.
Estabilizado o de Oímbra-A Granxa e Xinzo de Limia-Gudín
A totalidade deste lume está xa estabilizado. O martes 12 iniciouse no concello ourensán de Oímbra, parroquia da Granxa, un incendio forestal que se uniu con outro rexistrado o venres 15 ás 17:22 horas na localidade ourensá de Xinzo de Limia, parroquia de Gudín. Segundo as últimas estimacións, este incendio afecta unha superficie estimada de 17.000 hectáreas, ademais de nas localidades de Oímbra e Xinzo de Limia, nas de Monterrei, Cualedro, Verín, Laza, Trasmiras, Castrelo do Val e Baltar.
O foco iniciado en Oímbra-A Granxa deuse por estabilizado ás 22:29 horas de onte venres, e así súmase ao que xa fora igualmente estabilizado ás 02:45 horas do martes 19, correspondente a Xinzo de Limia-Gudín.
Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 18 técnicos, 153 axentes, 217 brigadas, 131 motobombas, 6 pas, 7 unidades técnicas de apoio, 18 helicópteros e 32 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Estabilizado o de A Mezquita-A Esculqueira
Permanece estabilizado, desde as 21:20 horas de onte venres, o incendio do concello da Mezquita, parroquia da Esculqueira, que se iniciaba o martes 12 ás 21:20 horas. Segundo as últimas estimacións provisionais, afecta arredor de 10.000 hectáreas en territorio galego. Este lume afecta tamén aos municipios da Gudiña e Viana do Bolo; así como a territorio da provincia de Zamora.
Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 8 técnicos, 49 axentes, 69 brigadas, 53 motobombas, 4 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 11 helicópteros e 20 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME). Tamén colaboraron nas tarefas de extinción medios terrestres portugueses.
Estabilizado o de Carballeda de Avia-Vilar de Condes e Beade-As Regadas
O venres 15 ás 16:38 horas iniciábase o incendio forestal do concello ourensán de Carballeda de Avia, parroquia de Vilar de Condes. Ese mesmo día, ás 18:16 rexistrouse outro na localidade ourensá de Beade, parroquia das Regadas. Os dous lumes uníronse nun só, que está estabilizado desde o xoves 21 ás 11:36 horas e que, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 4.000 hectáreas, parte delas nos municipios de Avión, Melón, Leiro e Ribadavia.
Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 4 técnicos, 100 axentes, 172 brigadas, 29 motobombas, 4 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 10 helicópteros e 12 avións.
Estabilizado o de Vilardevós-Vilar de Cervos
Desde as 23:44 horas do martes 19 está estabilizado o incendio do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Vilar de Cervos, iniciado mércores 13 ás 18:09. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de arredor de 900 hectáreas.
Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 3 técnicos, 22 axentes, 14 brigadas, 15 motobombas, 3 helicópteros e 5 avións.
Estabilizado o de Vilardevós-Fumaces e a Trepa
Estabilizado desde as 01:39 horas do martes 19 o incendio iniciado ás 17:41 horas do xoves 14 no concello de Vilardevós, parroquia de Fumaces e a Trepa, que, segundo as últimas estimacións, rolda as 100 hectáreas.
Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 2 axentes, 8 brigadas, 6 motobombas e 3 avións.
Estabilizado o de Riós-Trasestrada
Estabilizado desde as 01:39 horas do martes 19 o lume que comezou o luns ás 14:33 horas do luns 18 no concello ourensán de Riós, parroquia de Trasestrada, que, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 20 hectáreas.
Para a súa extinción mobilizáronse, no seu conxunto, 2 axentes, 2 brigadas, 1 motobomba, 2 helicópteros e 3 avións.
Controlado o de Montederramo-Paredes
Está controlado desde as 22:05 horas de onte venres, día 22, o incendio forestal do concello ourensán de Montederramo, parroquia de Paredes, que se iniciou o luns 11 ás 04:50 horas e que, segundo as últimas estimacións, afecta arredor de 120 hectáreas.
Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 2 técnicos, 6 axentes, 13 brigadas, 12 motobombas, 2 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 7 helicópteros e 7 avións.
Controlado o de Vilardevós-Moialde
Ás 20:22 horas de onte venres estabilizouse o incendio forestal do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Moialde, que se iniciou ás 16:05 horas do luns 11.
Afecta, segundo as últimas estimacións provisionais, arredor de 600 hectáreas. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 4 técnicos, 28 axentes, 39 brigadas, 23 motobombas, 3 pas, 10 helicópteros e 6 avións.
Controlado o de Maceda (Santiso e Castro de Escuadro)
O domingo 10 e o martes 12 comezaron dous incendios forestais no concello ourensán de Maceda, nas parroquias de Castro Escuadro e Santiso, respectivamente. Ambos acabaron tamén por unirse nun só lume que quedou controlado ás 19:52 horas de onte venres.
Segundo as últimas estimacións provisionais, este incendio afecta en conxunto unha superficie de arredor de 3.500 hectáreas, parte delas do municipio de Vilar de Barrio.
Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 11 técnicos, 94 axentes, 152 brigadas, 84 motobombas, 11 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 17 helicópteros e 18 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Incendios na provincia de Pontevedra
Estabilizado o de Vilaboa-Santa Cristina de Cobres. Desactivada a situación 2
Estabilizado desde as 18.34 desta tarde. Estaba activo desde as 16:37 horas do xoves 21 o incendio forestal da localidade pontevedresa de Vilaboa, parroquia de Santa Cristina de Cobres, e no que se activou a situación 2 como medida preventiva pola proximidade do lume ao núcleo de Vilar, unha situación que xa foi desactivada. Segundo as últimas estimacións provisionais, o incendio afecta unha superficie de arredor de 70 hectáreas.
Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 3 técnicos, 19 axentes, 35 brigadas, 30 motobombas, 2 palas, 3 unidades técnicas de apoio, 5 helicópteros e 8 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Controlado o de Oia-Mougás. Desactivada a situación 2
Controlado desde as 13:31 horas deste sábado. Desde as 18:55 horas de onte venres está estabilizado o incendio forestal do concello pontevedrés de Oia, parroquia de Mougás, que se iniciou ás 18:41 horas do xoves e no que se desactivou a situación 2 decretada como medida preventiva pola proximidade do lume ao núcleo de poboación de Mougás. Segundo as últimas estimacións provisionais, afecta unha superficie estimada de arredor das 60 hectáreas.
Mobilizáronse de xeito acumulado para a súa extinción 3 técnicos, 10 axentes, 22 brigadas, 19 motobombas, 1 pala, 2 helicópteros e 2 avións.
Extinguido o de Agolada-O Sexo
Ás 13:14 horas de hoxe sábado deuse por extinguido o incendio forestal do concello de Agolada, parroquia do Sexo, que se iniciou o venres 15 e o cal, afectou finalmente unha superficie de 522,32 hectáreas, todas elas de monte arborado. Neste lume foi preciso activar a situación 2, medida adoptada de forma preventiva pola súa proximidade ao núcleo de poboación do Sexo.
Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 5 técnicos, 32 axentes, 51 brigadas, 54 motobombas, 4 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 4 helicópteros e 2 avións.
Cómpre salientar que nos incendios estase a contar coa colaboración de bombeiros dos consorcios provinciais, bombeiros municipais, GES e servizos de emerxencias locais.

Incendios na provincia de Lugo
Carballedo-A Cova. Desactivada a situación 2
Continúa activo o incendio forestal do concello lucense de Carballedo, parroquia da Cova, que se orixinou o xoves ás 18:14 horas e no que tivo que decretarse a situación 2, como medida preventiva, pola súa proximidade ao núcleo de Oleiros, unha situación operativa que xa foi desactivada. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie estimada de arredor de 50 hectáreas.
Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 2 técnicos, 17 axentes, 39 brigadas, 26 motobombas, 3 pas, 4 helicópteros e 4 avións.

Confinamentos, evacuacións ou desaloxos
Ningunha persoa foi confinada nin desaloxada nas últimas horas na provincia de Ourense, onde se manteñen activos os protocolos de protección á cidadanía.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.
