Medio Ambiente revisará cos concellos o ciclo da auga para frear as perdas
"É unha cuestión á que nunca se lle prestou atención pero a auga non é infinita", asegurou o conselleiro Nicolás Vázquez nunha entrevista no programa Bos Días de Televisión de Galicia
A consellería de Medio Ambiente quere revisar o ciclo da auga cos concellos para frear as perdas.
O conselleiro de Medio Ambiente, Nicolás Vázquez, avanzou actuacións coordinadas cos concellos, como administracións competentes, para detectar fugas. "Coñecemos moitos concellos con perdas elevadas nas redes; é unha cuestión á que nunca se lle prestou atención pero a auga non é infinita", asegurou nunha entrevista no programa Bos Días de Televisión de Galicia.
Vázquez lembrou que "a Xunta leva moitos anos desenvolvendo medidas para o uso responsable e a planificación relativa á auga, polo que incluso nesta seca excepcional non cómpre encender as alarmas", aínda que recoñeceu que "os efectos do cambio climático están aí e estes periodos cada vez son máis comúns".
O conselleiro avogou porque as administración públicas desenvolvan as súas compentencias de xeito "eficaz", así como por "reforzar métodos e operacións no ciclo auga e analizar fugas e perdas".
Trala asunción da carteira de Política Social por parte de Ángeles Vázquez na última remodelación do Goberno galego, Nicolás Vázquez estreouse como titular de Medio Ambiente hai dezaoito días.
O novo conselleiro asume como o seu reto "principal e estratéxico" o de "compatibilizar a proteción ambiental rigorosa coas oportunidades para os galegos e as galegas". "Eu creo que é perfectamente compatible", asegurou.
"Somos privilexiados e temos que preservar esta riqueza, pero tamén somo conscientes das necesidades da xente e temos que acadar un elevado grao de benestar", insistiu.
No tocante ás concesións do Goberno central, Vázquez afirmou que a maioría dos procedementos están "agora resoltos ou moi avanzados" e gabou o labor da Xunta porque "demostramos axilidade, cercanía e simplificación".
"En 2025 traspasáronse expedientes que levaban máis de 5 anos solicitados, nós en moito menos tempo, un ano ou menos, podemos resolvelos, porque nestes 16 meses levamos 3.000 actuacións en concesións e xestións relativas ao litoral", concluíu.