Ánxeles Vázquez pasa a Política Social e Nicolás Vázquez será conselleiro de Medio Ambiente
O presidente da Xunta acomete a reforma do seu gabinete motivada pola marcha de Fabiola García quen cesou no cargo para ser candidata do PP ao Congreso
A remuda na Consellería de Política Social e Igualdade provoca dous cambios no Consello da Xunta. Ánxeles Vázquez, quen ata o de agora ocupaba a carteira de Medio Ambiente e Cambio Climático, pasará a dirixir a consellería na que este domingo cesou Fabiola García.
Pola súa parte a carteira de Medio Ambiente e Cambio Climático será para Nicolás Vázquez Iglesias, quen era ata hoxe secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético na Consellería de Economía e Industria.
Ánxeles Vázquez, nada en Melide en 1972, licenciada en Xeografía e Historia pola USC, foi alcaldesa na súa vila entre os anos 2004 e 2007 e entre 2011 e 2015. Nese ano, en outubro, pasa a dirixir a Consellería do Medio Rural. En setembro de 2018, pasou a ser conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, chegando a ser vicepresidenta segunda da Xunta desde xuño de 2023 ata abril de 2024.
Tras as eleccións de febreiro de 2024, xa en abril, pasou a ocupar a carteira de Medio Ambiente e Cambio Climático no Executivo de Alfonso Rueda.
Nicolás Vázquez, nado en Lugo en 1974, é licenciado en Ciencias Físicas pola USC e en Enxeñería Industrial pola UNED. Tras o seu paso polo sector privado desde 2015 é funcionario do corpo facultativo superior da Xunta de Galicia.
Ata setembro de 2020 foi vicesecretario xeral na Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. En setembro de 2020 foi nomeado secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural. En xuño de 2023 pasou a ser secretario xeral de Industria na Consellería de Economía e Industria. En maio de 2024 asumiu tamén competencias en Desenvolvemento Enerxético.
Fabiola García, ata este domingo conselleira de Política Social e Igualdade, cesou no seu posto para concorrer como número 2 na candidatura do PP na Coruña ás eleccións xerais do próximo 29 de novembro.
As tomas de posesión está previsto que sexan este martes no Pazo de Raxoi.
A remodelación do Executivo autonómico prodúcese en pleno trámite dos orzamentos galegos para 2027, polo que se alterará o calendario de comparecencias parlamentarias vixente e Ánxeles Vázquez será a encargada de pechalo cunha participación para detallar as contas de Política Social do próximo exercicio.
Será a súa segunda intervención para defender o proxecto orzamentario, dado que este mesmo venres acudirá ao Parlamento para facer o propio coas contas de Medio Ambiente.