O lume que afecta Pena Trevinca queimou ata agora arredor de 3.000 hectáreas
Este venres era o único dos activos en Ourense que non deixaba de avanzar
En Santa María de Casaio, en Carballeda de Valdeorras, seguen con intranquilidade o incendio que afecta a serra máis alta de Galicia, Pena Trevinca, unha área de especial protección, que alberga entre outras xoias un teixadal milenario.
"O teixadal é un bosque único. En todo o noroeste da península ibérica non temos nada igual. Aparentemente, a día de hoxe está salvado, pero temos focos dentro e hai agora mesmo compañeiros arrefriando e axudando para que non se propaguen", explica o arqueólogo e voluntario Fran Alonso.
Este lume entrou en Galicia a fin de semana pasada, tras cruzar a fronteira con Castela e León por Zamora.
Ata a chegada de medios, veciños e voluntarios, movéronse para frear o seu avance, coa preocupación tamén de que chegase a Casaio.
"Que non pase o río San Xil para este lado porque como pase para este lado chega á localidade de Casaio", afirma Ángel Malvesada, que acudiu como voluntario.
"Temos medo de que pase o río, claro, porque perigaría toda a aldea", admite o veciño de Casaio José Antonio Carrera.
"Agora mesmo hai unha fronte que vén do outro lado do río, pero que esta noite mellorou grazas aos medios aéreos que estiveron onte toda a tarde e Casaio non periga", expón Fran Alonso.
A zona afectada é de acceso moi difícil para os medios terrestres.
"Hai moita montaña e non se pode entrar. Non hai accesibilidade", subliña Ángel Malvesada.
"Son os medios aéreos os que poden apagar. Pola man non se fai nada", engade José Antonio Carrera.
Onte á tarde este lume de Pena Trevinca foi o único dos activos en Ourense que non deixou de crecer. Pasou de 2.600 a 3.000 hectáreas queimadas. No balance das dez da mañá deste sábado, Medio Rural mantiña a cifra invariable.