A calor adianta a colleita da pataca entre dúas e tres semanas e diminúe a súa cantidade
Os agricultores din que, ao ser un ano sen enfermidades, a pataca será de moi boa calidade
A calor vai adiantar a colleita da pataca de Coristanco. Prevén unha produción un 30 por cento menor, pero ao ser un ano sen enfermidades a pataca será de moi boa calidade.
A falta de auga vai adiantar entre dúas e tres semanas a colleita da pataca en Coristanco, e tamén suporá unha diminución nos quilos recollidos por hectárea, que calculan nun 30 por cento menos.
"Entón isto fíxolle dúas cousas: en primeiro lugar, que as plantas non tiveran os recursos suficientes para darlle volume á súa semente, á súa pataca, e despois outra cosa que fixo é que acurtou os ciclos. Normalmente o ciclo da pataca adoita ser catro meses, catro meses e medio e como a planta xa detectou que non tiña para saír adiante, aos tres meses e medio xa están secando elas soas e entón xa está acabando o ciclo", di Juan Ramón Sanjurjo, presidente da Asociación de produtores de pataca de Coristanco.
Sen humidade a incidencia do mildio foi mínima e a pataca vai ser de moita calidade.
"A primeira cousa positiva foi esa, que non tivemos problema de mildio, entón a pataca non sufriu ese ataque, e a segunda vantaxe que tamén tivemos é que a nivel consumidor final, a nivel de probar, esta pataca vai ser dunha calidade extra porque non ten moita auga, aquí somos de secaño e entón vai ser unha pataca de calidade excepcional", engade Sanjurjo.
Unha calidade que os produtores de Coristanco queren que se protexa cunha marca de garantía, xa que denuncian que ao abeiro da súa sona en moitos sitios din vender unha pataca de Coristanco que non é.