O Obradoiro derrota ao Estudiantes (89-79) e segue dependendo de si mesmo para ascender
Se os santiagueses gañan os dous partidos que quedan (en Cantabria e contra Gipuscoa), volverán á Liga ACB
O Obradoiro cumpriu co seu papel, volveu á senda da vitoria diante de Estudiantes, e segue dependendo de sí mesmo para resultar campión da Liga regular, e acadar o ansiado ascenso á Liga ACB.
O partido comezouno máis metido o Obradoiro, que axiña abriu unha fenda no marcador. A vantaxe pasou dos dez puntos mediado o primeiro cuarto, e este rematou 26-14 cun tapón espectacular de Andersson.
Pero o segundo cuarto foi diferente: abriu cun parcial de 0-7 para os madrileños que obrigou a Diego Epifanio a pedir tempo morto. Á volta, unha tripla de Westermann restablecía a vantaxe, pero Estudiantes confirmou o cambio de tendencia e seguiu pechando a difernza, ata colocarse a un so punto 37-36, antes de dúas triplas espectaculares de Barcello, que chegou ao descanso con 15 puntos e un resultado no partido de 45-41.
A segunda metade comezou con moita intensidade, cos dous equipos conscientes da importancia dese treito do encontro. Isto notouse na anotación, mentres a diferenza se mantiña arredor deses cinco puntos favorable ao Obradoiro. Granger comandaba as operacións estudiantís, e McGrew executou a remonta para empatar a 55. O partido era sumamente igualado, como atestigua o marcador final do terceiro cuarto: 65-64.
O cuarto seguiu na mesma tónica, e un pequeño bo momento do Obradoiro obrigou ao Estudiantes a para o encontro catro puntos abaixo. Chegaba mellor o Obradoiro a esta fase do partido, e Dos Anjos colocábao seis arriba. Despois era Brito cunha tripla para devolverlle nove puntos, e outro tempo morto.
Estudiantes encomendouse aos lanzamentos de tres para intentar reducir a desvantaxe, pero o Obradoiro respondía con acerto. Dous tiros libres de Brito volvían subir os dous díxitos de dioferenza a prol dos galegos, 83-73. E unha tripla estratosférica de Munnings colocaba un +12 xa case definitivo. Ao final, 89-79 no Sar. Se o Obradoiro gaña os dous partidos que lle quedan (a semana que ven en Cantabria, en directo pola G2 a Agalega.gal, e a seguinte contra Gipuscoa), retornará á Liga ACB.
