A Primeira FEB encamíñase a unha xornada que pode decidir o ascenso á ACB
O Obradoiro, que depende del, xoga este domingo (18:15, G2) diante de Estudiantes un partido vital despois da sorprendente derrota desta semana en que quedou sen marxe de erro
O Leyma Coruña, que recibe a Guipúscoa, tentará gañar o seu partido e agardar un erro dos santiagueses
A Primeira FEB encamíñase cara un desenlace de infarto. A tres xornadas para o final (só lle quedan dous partidos a Leyma Coruña que descansa na última data) o Obradoiro afronta o partido deste domingo consciente de que depende del para acadar o ascenso. No caso de gañarlle a Estudiantes (18:15 horas, en directo na G2) daría un paso de xigante para regresar á ACB.
O equipo madrileño xa ten garantida a vantaxe de campo no play off e non ten opción de ascenso directo. Terá a motivación de competir diante doutro dos grandes da categoría pero Diego Epifanio agarda que a necesidade do Obradoiro poida máis que o talento do seu rival. Tiña de marxe unha derrota o conxunto santiagués pero estragouna entre semana dun xeito sorprendente diante do Tizona Burgos, pechacancelas da categoría.
"Non pode xerarnos dúbidas o acontecido esta semana. Calquera equipo da categoría se cambiaría por nós" asegurou o adestrador do Obradoiro. "Dentro do vestiario pensamos que a situación é perfecta vendo como comezamos a liga -con 2 derrotas-" asegurou Epifanio.
O Leyma Coruña estará moi pendente deste partido e tamén do seu. Os de Carles Marco teñen a obriga de gañar os dous encontros que lle quedan para presionar todo o posible ao outro cadro galego co que loitan desde hai moitas xornadas por unha praza de ascenso. O rival dos coruñeses será o Inveready Guipúscoa, o domingo ás 12:30.