Sorprendente derrota do Obradoiro na pista do pechacancelas (99-96)
O Tizona Burgos levouse un partido que chegou a perder por dez puntos no último cuarto
As dezaseis perdas de balon foron chaves na derrota dos composteláns que rachan unha xeira de trece triunfos consecutivos
Pola súa parte o COB perdeu na casa ante Palencia nun partido intrascendente (90-93)
@obradoirocab
O Obradoiro desaproveitou unha grande ocasión de achegarse ao ascenso á liga ACB tras caer en Burgos ante o Tizona, o colista da categoría, nun partido que tiña dominado no cuarto final e que se decidiu despois dunha prórroga.
Xa avisara na previa Diego Epifanio dos perigos do partido no Plantío. Enfronte estaba o cabeiro da clasificación pero que en ningún momento deixou ós composteláns rachar o partido na primeira metade. Cada tirón no marcador era respondido cun bo parcial dos burgaleses que non deixaban consolidar as súas vantaxes os obradoiristas. Chegaron a dominar por 11 puntos pero a inspiración do base nixeriano Michael Nuga, autor de 19 puntos nos dous primeiros cuartos, sempre metía de novo no partido o seu equipo. Chegaríase a un minuto do intermedio cun axustado 47-49 pero duas canastras consecutivas de Sergi Quintela deixavan o electrónico no 47-53 co que se chegou ao descanso.
No terceiro cuarto O Obra estirou un pouco o marcador subindo o rigor defensivo pero seguía con problemas en ataque, errando tiros fáciles e perdendo moitos balóns en ataque. De todos modos chegou ao final do período cunha vantaxe de dez puntos tras unha tripla de Sergi Quintela. Pero no cuarto definitivo volveu a versión dubitativa dos composteláns e os burgaleses colocáronse a un punto grazas a unha tripla do galego Rodrigo Seoane, 75-76, con cinco minutos por xogar. E poñeríanse por diante tras duas accións de Marquis Jackson, 79-78, a tres minutos do remate. Os últimos vinte segundos do tempo regulamentario foron un cara o cruz. Unha tripla de Nuga deixaba ao Obradoiro dous abaixo cun ataque por xogar. Barcello anotaba e igualaba o partido pero deixáballe seis segundos a Tizona para tentar gañar. Nuga non acertaría e o partido decidiríase no tempo extra. Na prórroga os de Epi sempre foron a remolque tras encaixar un parcial de 5-0 de saída. Barcello puido poñer ós seus por diante a 18 segundos do final pero errou na penetración e a vitoria quedaría en Burgos tras certificar Jackson o triunfo desde a liña de tiro libre.
Pola súa parte o COB Ourense segue co seu mal momento de resultados e apañou unha nova derrota. Esta vez na ca ante Palencia. Era un partido sen nada en xogo. Os de Moncho López xa teñen a salvación no peto e non poden chegar a postos de play off namentras que o equipo castelán rematará cuarto na liga regular pase o que pase nas xornadas finais. O partido foi igualado aínda que os cobistas foron por detrás a maior parte do mesmo para rematar perdendo por un axustado 90-93