O interior de Galicia rexista fortes treboadas, a sarabia bloqueou o monte Faro
Unha gran sarabiada caeu á altura do Monte Faro, na estrada que une Chantada con Rodeiro. O pedrazo acumulouse e provocou importantes retencións.
O 112 Galicia xestionou unha decena de incidencias relacionadas coa chuvia en Ourense, A Rúa e O Carballiño
Mantense a alerta amarela na provincia e no sur de Lugo e estenderase a Pontevedra e parte da Coruña este martes
O 112 Galicia xestionou unha decena de incidencias relacionadas coas fortes choivas e tormentas rexistradas nas últimas horas no interior de Pontevedra, o sur de Lugo e na zonas de Ourense, A Rúa e O Carballiño, relacionadas na súa maioría con inundacións e regatos desbordados.
Segundo informa o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias, foi a partir das 17:00 horas da tarde deste domingo cando o temporal deixou notar os seus efectos.
A vía de altas prestacións do monte Faro que conecta Rodeiro con Chantada rexistrou retencións debido ás tormentas que descargaron gran cantidade de xeo.
Ademais de diferentes vehículos parados pola saraiba, un autobús non puido continuar a marcha.
Debido ao impedimento de seguir o camiño, os condutores afectados comezaron a retirar o xeo con sinais de tráfico para poder continuar.
Despois de conseguir cruzar 200 metros na vía do Faro, os coches xa non se atoparon con máis pedrazo.
Tamén en Ourense cidade, contra as seis da tarde a treboada comezou a descargar con intensidade.
A chuvia caeu con forza, moi intensamente nalgúns momentos, o que provocou diversas incidencias e mesmo que saltaran algúns sumidoiros.
Durante algo máis de media hora os paraugas, para quen tiña a sorte de levalos, non parecían dabondo e moitos tiveron que buscar acubillo.
Pero as treboadas non quedaron só na cidade de Ourense, durante toda a tarde percorreron boa parte da provincia.
Así, no Carballiño contabilizáronse ata cinco incidencias relacionadas con rúas e garaxes inundados.
Na Rúa notificáronse tres incidencias. O desbordamento dun regato en Camiño da Pitarela, na parroquia da Rúa de Valdeorras, afectou os baixos de dúas vivendas. Neste operativo colaboraron os bombeiros e o GES de Valdeorras, así como a Garda Civil e os voluntarios de Protección Civil.
Doutra banda, sobre as 19:30 horas, un particular alertou de retencións á altura do quilómetro 63 da AG-53, ao seu paso por Corna, en Piñor, debido á intensidade da choiva e a saraiba. Desde o 112 Galicia alertouse á Garda Civil de Tráfico e aos servizos de mantemento da autovía, que acudiron ao lugar.
MeteoGalicia mantén para este luns alerta amarela por tormentas na provincia de Ourense e na montaña e sur de Lugo, que se estenderá o martes á provincia de Pontevedra e ao suroeste da Coruña.
Ademais, espéranse para este luns forte vento no mar do noroeste da Coruña e na Costa da Morte, polo que tamén estará activa todo o día a alerta amarela.