As tormentas en Cataluña provocan cancelacións e atrasos en trens e voos
AENA informa de que a mellora progresiva está condicionada pola evolución das tormentas
A alta velocidade Madrid-Barcelona, cortada dúas horas para reparar e evitar máis atrasos
O Aeroporto de Barcelona recupera progresivamente a súa operativa este mércores tras cancelar 30 voos por mor das fortes choivas en Cataluña. Entre eles, o das 09:00 a Santiago de Compostela, operado por Vueling.
AENA informou nun apuntamento en X que dous voos tiveron que desviarse a Madrid polas condicións meteorolóxicas e que se regula a operativa para manter a separación necesaria entre aeronaves. Informan que a mellora progresiva está condicionada pola evolución das tormentas.
A alta velocidade Madrid-Barcelona, cortada dúas horas para reparar e evitar máis atrasos
O Ministerio de Transportes informou este mércores de que corta durante dúas horas, a partir das 11:00 desta mañá, a circulación ferroviaria no corredor de alta velocidade Madrid-Barcelona para reparar a catenaria en Sant Vicenç dels Horts e evitar maiores atrasos. Fontes do departamento que dirixe Óscar Puente explicaron que é necesario cortar a circulación porque, para reparar a catenaria, cómpre cortar a tensión eléctrica da liña.
Ata as 11:00 horas había 21 trens afectados, con 6.987 viaxeiros e atrasos medios de 35 minutos. Os danos na catenaria á altura Sant Vicenç dels Horts producíronse polos efectos do temporal en Cataluña e, nun primeiro momento, decidiuse habilitar a circulación ferroviaria por vía única, aínda que agora se decidiu cortar completamente o tramo para efectuar a reparación. Concretamente, para reparar a avaría de catenaria provocada pola tormenta é necesario interromper a circulación nesta liña entre Barcelona e Tarragona.
Os trens con saída a Barcelona atrasarán a súa saída e aqueles con destino á Cidade Condal atópanse detidos en estacións da liña. Para que non se acumulen atrasos maiores e para solucionar a incidencia canto antes decidiuse cortar temporalmente a circulación para levar a cabo a reparación da catenaria. Se os traballos avanzan segundo as previsións e os efectos do temporal non se agravan, sinalaron as mesmas fontes, o corredor de alta velocidade Madrid-Barcelona podería volver estar operativo e poderíase circular con normalidade a partir das 13:00 horas.
Ao longo desta xornada, tamén se están rexistrando atrasos na liña R2 de Rodalies por unha incidencia que afecta á sinalización entre Sitges e Vilanova i la Geltrú. Ademais, Adif tamén apuntou en X que, por unha incidencia provocada polo roubo de cable entre Vilaseca e Reus, os trens que circulan polo tramo Tarragona-Reus poden rexistrar atrasos.