Publicador de contidos

Publicador de contidos

Vigo inicia os trámites para implantar a taxa turística na cidade

Vigo inicia os trámites para implantar a taxa turística na cidade

A proposta é aplicar un suplemento de entre un euro e dous euros e medio

O Concello abre unha consulta pública para que a cidadanía opine

G24.gal 22/08/2025 14:27

O Concello de Vigo inicia os trámites para cobrarlles unha taxa turística ás persoas que visiten a cidade. A proposta segue o modelo posto en marcha noutras cidades, como Roma ou París, e que, en Galicia, tamén decidiron aplicar A Coruña e Santiago. A idea é que os turistas paguen entre un euro e dous euros e medio por noite, cun máximo de cinco noites. O suplemento dependerá da categoría dos establecementos. Canto máis nivel, haberá que pagar máis cartos.

"Pago encantado, é a corresponsabilidade de quen quere gozar dunha cidade", afirma un turista que adoita repetir en Vigo.

"A primeira vista, parece pouco, dous euros non é unha cantidade importante", opina un visitante italiano.

A Xunta de Goberno local aprobou este venres o primeiro paso, a apertura dunha consulta pública na páxina web municipal para que a xente opine sobre a taxa: se é oportuna, que problemas debería axudar a corrixir e posibles alternativas ao cobro dun suplemento. Os hostaleiros teñen diferentes opinións e unha das súas suxestións é que a taxa só se aplique nos momentos de máis turismo en Vigo.

"Máis importante que ter ou non unha taxa é saber como vai ser a operativa e en que se vai reinvestir", di o novo presidente da Asociación de Hostalaría de Vigo, Daniele Provezza, director do hotel Attica 21.

"Non é só unha cuestión económica. A sensación que dá é de falta de hospitalidade dos lugares onde teñen esta taxa implantada", considera Patricia Rodríguez, propietaria dos hoteis Axis e Ciudad de Vigo.

Compensar o gasto público

O argumento do Concello é que os turistas deben compensar á cidade polos servizos públicos que eles tamén aproveitan. O alcalde di ademais que hai gastos como a decoración de Nadal ou os concertos de Castrelos que se poden gozar de balde e para os que tamén teñen que contribuír os visitantes, "polo que custa un café", pon como exemplo Abel Caballero.

"A verdade é que non miramos se hai taxa ou non", conta unha muller antes de entrar no seu hotel.

"Para as persoas que veñen xustas de presuposto pode facérselles máis reducido. Dependerá do peto de cada un", valora outro mozo estranxeiro.

"A min non me parece mal sempre e cando as cidades invistan eses cartos nunha maior calidade", conclúe unha turista que marcha da cidade.

En Vigo hai xa máis de 17.500 prazas turísticas oficiais, contando todos os tipos de aloxamento. En momentos como o Nadal e a feira Conxemar, en outubro, hai días de cheo total.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade