Santiago atrasa a cobranza da taxa turística a outubro pola oposición da hostalaría
O sector hostaleiro protestou contra a cobranza no mes de agosto, que era a idea inicial do Concello
A medida aínda ten que recibir a aprobación definitiva no pleno do 31 de xullo

A taxa turística empezará a recadarse en Santiago a partir do 1 de outubro e non dende agosto, que era o que prevía inicialmente o Concello.
Así o anunciou este venres a concelleira de Turismo Míriam Louzao logo de indicar que se flexibilizaba a súa entrada en vigor.
Nun encontro aberto aos encargados da cobranza deste tributo, o sector hostaleiro opúxose a que esta medida entrase en vigor en agosto, pois estes son os meses de máis traballo para os profesionais.
Segundo os asistentes, as principais preocupacións á hora de afrontar esta obriga eran as reservas xa pagas e a menor cantidade de persoal.
Aínda así, este xoves 31 de xullo celebrarase o pleno para aprobar definitivamente a ordenanza da taxa turística. Así, converteríase no primeiro concello galego en instaurala.