Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Coruña aproba o proxecto de taxa turística, con cotas de 1 a 2,5 euros

A Coruña aproba o proxecto de taxa turística, con cotas de 1 a 2,5 euros

Os cruceiros terán unha cota de 1,5 euros e as vivendas turísticas, de 1 euro

Haberá exencións para estancias por motivos de saúde, deportistas en competicións, menores, persoas cunha discapacidade superior ao 65 %, estancias de programas sociais ou albergues do plan Xacobeo

A ordenanza ten que aprobarse no pleno municipal

G24.gal 28/05/2025 13:33

A Xunta de Goberno local da Coruña aprobou o proxecto da ordenanza da taxa turística, con cotas que van de 1 a 2,5 euros e que tamén se aplicarán a cruceiristas.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, informou este mércores de que esta taxa responde a un incremento de turistas na cidade, con "preto dun millón en 2024", para así facer fronte ao "impacto ambiental" e o "aumento dos custos de servizos públicos". Para a súa aprobación, a ordenanza terá que pasar polo pleno municipal.

A alcaldesa indicou que a taxa turística será de 2,5 euros en hoteis de 5 ou 4 estrelas superior, mentres que será de 2 euros en hoteis de 4, 3 e 2 estrelas superior e en vivendas de uso turístico.

Os hoteis de 2 estrelas e as embarcacións de cruceiro terán unha cota de 1,5 euros e as vivendas turísticas, de 1 euro.

A alcaldesa avanzou que a "recarga" aos cruceiristas aplicarase a partir de 2026, a condición de que se aprobe a ordenanza, aínda que indicou que de haber cambios autonómicos nesta materia, estudarían suprimir esta cota.

A norma terá exencións para estancias por motivos de saúde, deportistas federados que participen en competicións, menores de idade, persoas cunha discapacidade superior ao 65 %, estancias de programas sociais públicos ou albergues públicos do plan Xacobeo.

"Non se trata de gravar o turismo, senón de ser responsables. É necesario dispoñer de máis fontes de financiamento e non se quere repercutir sobre os coruñeses", concluíu Rey.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade