Veciños de Ledoño, en Culleredo, piden que se manteña a rotonda na AC-523 para eliminar un punto negro
Veciños de Ledoño, en Culleredo, piden que se manteña a rotonda na AC-523 para eliminar un punto negro
Considérana imprescindible para minorar o tráfico na zona que é de paso dos veciños
A Xunta informa de que atrasan a demolición da rotonda ata rematar as obras do paso inferior
Veciños da parroquia de Ledoño, en Culleredo, concentráronse ás portas da Axencia Galega de Infraestruturas para trasladar a súa demanda.
"Unha mellora na glorieta de Ledoño a Rumbo que a queren eliminar".
"Unha rotonda que se puxo no 2012 por seguridade tras un atropelo mortal".
"Desde que está a glorieta houbo cero atropelos con cero mortes", contan os veciños.
Considérana imprescindible para minorar o tráfico nesta zona de paso dos veciños.
"É unha recta que, ao haber tres rotondas, fai que a velocidade diminúa. E temos que lembrar que por esa estrada circulan unha media de 14.000 vehículos todos os días", explica Óscar Andrade, representante veciñal.
Explican que o proxecto que hai para aquí é a construción dun paso inferior para o cruzamento dos peóns.
"Que fagan o paso, non nos importa. Pero a rotonda queremos tela alí porque os tractores teñen que cruzar e os veciños tamén teñen que cruzar".
"E van incomunicar dous lugares: Ledoño e Rumbo".
Levan meses reclamando que se manteña esta rotonda. A Deputación da Coruña apoia as súas reivindicacións. Tamén o Concello de Culleredo, cuxo alcalde se reunirá coa Xunta o próximo 2 de setembro para abordar o tema.
Desde o Goberno autonómico informan de que si van manter esta glorieta ata que estea executada a actuación do paso inferior na estrada AC-523.
Explican que esta actuación busca mellorar a mobilidade dos peóns e reforzar a seguridade no cruzamento desta estrada. O investimento estimado ascende a 700.000 euros.