Publicador de contidos

Publicador de contidos

O mellor peixe e marisco de Ribeira, na feira Gastromar

O mellor peixe e marisco de Ribeira, na feira Gastromar

Oferta pratos innovadores a prezos accesibles na praza de España

O obxectivo é dar a coñecer o traballo da frota local

G24.gal 22/08/2025 14:57

Fish and chips e baos de lirio, coca de sardiña ou navallas en grella coreana. E así ata doce propostas coas que as confrarías e os empresarios de Ribeira queren conquistarnos polo estómago.

"É o cuarto ano que o facemos, queremos mobilizar o peixe no mercado, que a xente o consuma máis e se afaga a cociñalo. O que facemos son uns petiscos, cada ano son diferentes, nunca repetimos, agás a empanada de atún que sempre a traemos porque ten moito éxito", explica Xavi Fernandez, chef do Gastromar.

"A idea é que Ribeira teña a festa gastronómica que merece, presumir dun produto de mar no que somos referente", engade Francisco Martínez, o presidente da Asociación de empresarios.

Os pratos, feitos no momento nestes food trucks, poden degustarse sen reserva. Sérvense en horario de comida e cea, e a uns prezos accesibles, entre 5 e 17 euros. 

"Unha ración de camaróns para catro persoas 15 euros, a de navallas, sobre os 10. Son racións abundantes se trata de que a xente goce", comenta o chef.

Porque do que se trata é de fomentar o consumo de peixe nas familias e de dar a coñecer o traballo da frota local.

"Somos un porto importante en Europa, temos baixura, altura, grande altura e litoral. Temos de todo. Ribeira é mar, sabe a mar, é indiscutible", explica José Antonio Pérez Sieira, patrón maior de Ribeira.

Como novidade este ano hai tapa de peixe espada gratuíta, menú infantil de hamburguesa de lirio e demostracións de cociña e obradoiros con moito sabor a mar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade