Día grande na Festa do Polbo do Carballiño
As polbeiras calculan que hoxe se poderán consumir no Carballiño arredor de 50 mil quilos do produto estrela da festa
Este domingo celébrase o día grande na Festa do Polbo do Carballiño, unha das festas gastronómicas máis multitudinarias de Galicia.
No Carballiño xa levan varios días de festexos, pero este domingo ao mediodía ninguén quería faltar á cita no Parque municipal onde, como cada segundo domingo de agosto, milleiros de persoas se achegaban para degustar a súa ración.
Coa deste ano xa van 64 edicións, así que os amantes do polbo precisan pouca presentación desta festa; xa a teñen anotado no seu calendario que este domingo se xanta polbo, o producto estrela da festa.
Os potes quecen dende primeira hora da mañá e o son das tesoiras é incesante. As polbeiras calculan que hoxe se poderán consumir aquí darredor de 50 mil quilos de polbo a feira. Os clientes son fieis e son moitos os que repiten cada ano. De todos é coñecida a sona da polbeiras e polbeiros do Carballiño e de todos os asistentes é coñecido que o éxito desta festa ten moito que ver co bo facer de polbeiros e polbeiras.
Máis dunha ducia de polbeiras traballan hoxe no Parque do Carballiño onde desta vez hai oco tamén para os seus irmáns italianos.
Para participar na festa, as distancia nunca foron impedimento, así que son moitos os visitantes chegados tamén desde fóra de Galicia
A festa prolongarase durante toda a xornada no parque municipal do Carballiño e en boa parte das rúas da vila.