Nove incendios activos en Portugal obrigan a pechar catro estradas fronteirizas
Catro estradas fronteirizas con España están pechadas
As autoridades de Portugal detallaron este domingo que son nove os incendios que máis preocupan no país, que arde desde hai días no medio dunha onda de calor.
"A situación meteorolóxica impediu o traballo dos medios aéreos. Este fenómeno provocou un atrapamento do fume nas capas máis baixas da atmosfera e causou problemas significativos no uso dos medios aéreos", así o explicou nunha conferencia de prensa o comandante da Autoridade Nacional de Emerxencias e Protección Civil (ANEPC), Mário Silvestre,
Os nove incendios máis significativos están situados en Trancoso, onde as lapas arden hai máis dunha semana, e tamén no distrito de Guarda, fronteirizo coa provincia española de Salamanca. Hai un foco activo na localidade de Pêra do Moço e outro en Sabugal.
Arde tamén en Arganil (no distrito de Coimbra), en Lousã (na rexión Centro), e en Freixo de Espada à Cinta, na rexión do Douro, onde tamén hai outro foco en Vilarinho e en Sátão (distrito de Viseu).
Os incendios mobilizan a 3.226 operativos, 1.100 vehículos e 13 medios aéreos, mentres que outros 703 bombeiros participan nos labores de estabilización e vixilancia doutros 28 incidentes.
Silvestre informou de que unha muller resultou ferida leve tras caer nunha zona de lume e provocoulle queimaduras no 30 % do corpo. Este domingo acaba o estado de alerta decretado polo Goberno luso debido á onda de calor que sofren desde hai un mes.
Seis estradas permanecen pechadas
As autoridades portuguesas informaron de que seis estradas permanecen pechadas debido aos incendios que arrasan o centro e o norte do país, catro delas (EN 221, EN233, En324 e EN340) situadas na rexión de Guarda, fronteiriza con España, unha das máis afectadas polas chamas nos últimos días.