O 90 % do incendio de Larouco está estabilizado
O perímetro do lume subiu ata os 170 quilómetros
Os focos máis perigosos están nos montes de Outeiro e Soldón, en Quiroga
Os medios aéreos traballan sen descanso nos montes de Outeiro e de Soldón da Seara, en Quiroga, onde o incendio segue avanzando xa a un ritmo máis lento. Bombeiros forestais e a UME manteñen tamén a súa despregadura nesta zona, porque o lume, que se iniciou en Larouco hai nove días, aínda non está controlado.
Este xoves, o incendio aumentou o seu perímetro ata os 170 quilómetros, pero as condicións meteorolóxicas son favorables e os servizos de extinción consideran que está estabilizado máis do 90 por cento. Xa non hai risco para ningún núcleo de poboación, aínda que os veciños mantéñense en alerta.
Quiroga é, polo momento, o único municipio da provincia de Lugo ao que chegou o incendio de Larouco, que se estendeu por oito concellos da provincia de Ourense e leva arrasadas máis de 30.000 hectáreas. Xa está considerado un dos peores incendios da historia de España.
Foi especialmente devastador na comarca de Valdeorras. O lume calcinou masa forestal, pero tamén casas e aldeas. Só no concello de Vilamartín de Valdeorras, arderon máis de cen vivendas.