Un incendio calcina esta madrugada unha vivenda en Taboadela
Ata agora descoñécense as causas do lume, que unicamente deixou danos materiais, pois as tres persoas que residían no inmoble saíron ilesas
Un incendio deixa un inmoble do lugar de Abeledo, no concello de Taboadela, co tellado colapsado e o interior arrasado polas lapas, esta madrugada.
A propiedade, que conecta con outra estrutura polo interior para conformar unha única vivenda, comezou a arder minutos antes das 6. Foi entón cando unha veciña escoitou os berros de auxilio das tres persoas que se atopaban no interior e deu o aviso aos servizos de emerxencia tras decatarse de que o inmoble se atopaba envolto polas lapas.
"Pediron auxilio e a miña rapaza foi a primeira que se levantou... e foi a primeira que viu, foi á que chamou ao 112" di unha das residentes.
Ata o lugar desprazáronse os Bombeiros de San Cibrao, do GES do Pereiro de Aguiar e de Terras de Celanova. Tamén efectivos da Garda Civil e un dispositivo de Urxencias Sanitarias.
Á súa chegada, os servizos de emerxencias lograron controlar o lume cando comezaba a estenderse dende a estrutura de madeira cara ao resto da vivenda a través do tellado. O rápido traballo de extinción permitiu que a parte máis nova da estrutura apenas sufrise danos. Tampouco houbo que lamentar ningunha perda persoal, pois todos os habitantes do inmoble saíron ilesos.
Julio Jiménez, bombeiro do Polígono de San Cibrao das Viñas, informa de que "é unha vivenda bastante grande, semella que é como dúas vivendas unificadas e unidas no interior. Entón, á chegada dos compañeiros, lograron parar o incendio polo tellado, porque xa estaba pasando á segunda vivenda e se conseguiu controlar. O que pasa é que da outra parte, máis antiga digamos, pois, a arrasou por completo".
Unha vez extinguido o lume, a intervención dos bombeiros prolongouse durante varias horas nas que arrefriaron o espazo calcinado con escuma para evitar que se reavivasen as lapas.
Polo momento, descoñécense as causas do incendio, que permanece baixo investigación.