Unha manta eléctrica é a posible causa do lume dun piso en Ribadeo
Por fortuna, ningunha persoa resultou ferida nin afectada
Imaxe cedida polos Bombeiros de Barreiros
Arredor das 23:40 horas da noite deste sábado, un particular avisou o 112 Galicia de que se vía saír fume por dúas fiestras dun piso dun edificio situado fronte á Praza de Abastos de Ribadeo, fronte ao hotel Bouza.
Desde ese intre, o 112 Galicia puxo en marcha un dispositivo de intervención formado polos Bombeiros de Barreiros, a Garda Civil e a Policía Local.
Ademais, informouse dos feitos ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, por se fose precisa a súa intervención, aos Bombeiros de Viveiro, ao persoal de incendios provincial e aos efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade.
Finalmente, unha vez no punto, os Bombeiros comunicaron que extinguiran un foco cun extintor, ardeu o salón da vivenda e o resto do piso resultou afectado polo fume.
Tamén informaron de que unha manta eléctrica puido ser a orixe do lume.
Así mesmo, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 confirmou que ningunha persoa resultara ferida nin afectada.
Imaxe cedida polos Bombeiros de Barreiros