Publicador de contidos

Publicador de contidos

A neglixencia nunha roza puido causar o incendio de Vilaboa,en nivel 2 de emerxencia

A neglixencia nunha roza puido causar o incendio de Vilaboa,en nivel 2 de emerxencia

Os incendios calcinaron ata o momento en Galicia preto de 90.000 hectáreas 

Evoluciona favorablemente o incendio de Oia que podería quedar estabilizado pronto

G24.gal 22/08/2025 21:22 Última actualización 22/08/2025 22:12

Mantense o nivel 2 de alerta no incendio de Vilaboa por risco para as vivendas. Pouco despois de declararse desaloxaron os 14 veciños de Paradellas e nas últimas horas o lume reactivouse na aldea de Vilar.

"A mañá estivo tranquila e agora volveu avivar todo. E estaba indo para as casas", explica un mozo do lugar.

Da reactivación déronse conta uns operarios de telefonía que acudiron a facer traballos nunha casa.  Avisaron de inmediato e axudaron na extinción mentres chegaban os equipos. Din que puido ter consecuencias máis graves se non fora porque no último momento o vento levou o lume en dirección contraria ás vivendas.


O incendio  comezou na parroquia de Santa Cristina de Cobres e en pouco tempo consumiu dúcias de hectáreas arborizadas. As forzas de seguridade puxeron o foco na persoa que avisou do lume. Investigan se foi quen o provocou facendo traballos de roza.

"Todo apunta a que a orixe do lume foi unha neglixencia de alguén facendo unha roza", indica o alcalde de Vilaboa, César Poza.

O incendio mobilizou un amplo dispositivo. Por terra  30 brigadas, 17 axentes forestais e persoal técnico e desde primeira hora do venres tamén a Unidade Militar de Emerxencias. Polo aire, 5 helicópteros e 8 avións.

O outro da provincia de Pontevedra, declarado na tarde do xoves en Oia, aínda deu outro susto a primeira hora da tarde. Reaviváronse as lapas a carón da estrada que une Vigo con Tui, fronte ao cámping de Mougás onde xa regresaran os usuarios tras estar unhas horas desaloxados.

Os propietarios do negocio din que seguen intranquilos e que a maioría dos clientes decidiron marchar por precaución. Esperan que a situación vaia mellorando, algo no que  tamén confían os equipos de extinción sobre o terreo.

"Témolo bastante ben, bastante calmado. Xa o temos perimetrado e seguramente o daremos por estabilizado nun prazo breve", explica o axente foresta Ricardo Da Silva Diz.

A última hora continuaban vixiando que non prendera nas zonas verde e arrefriaban todos os puntos quentes da zona queimada no perímetro do incendio.

Pero hai máis incendios ademais do de Vilaboa. Esta é a situación detallada a última hora deste venres

Este venres quedou desactivado o nivel 2 de alerta  no incendio forestal do concello lucense de Carballedo, parroquia da Cova despois de queimar 50 ha.

Permanece declarada a situación 2 a nivel provincial en Ourense con cinco grandes incendios activos.

E estabilizouse o incendio de Oia-Mougás cando xa consumiu 60 hectáreas de monte.

Activo Vilaboa-Santa Cristina de Cobres. Decretada Situación 2: 60 hectáreas

Está activo desde as 16.37 horas deste xoves un incendio forestal na localidade pontevedresa de Vilaboa, parroquia de Santa Cristina de Cobres, e no que se activou a Situación 2 como medida preventiva pola proximidade do lume ao núcleo de Vilar.

Segundo as últimas estimacións provisionais, o incendio afecta unha superficie de arredor de 60 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 3 técnicos, 10 axentes, 19 brigadas, 19 motobombas, 1 pala, 1 unidade técnica de apoio, 4 helicópteros e 8 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Carballedo-A Cova. Desactivada Situación 2: 50 hectáreas

Está activo un incendio forestal no concello lucense de Carballedo, parroquia da Cova, que se orixinou onte ás 18.14 horas e no que tivo que decretarse a Situación 2, como medida preventiva, pola súa proximidade ao núcleo de Oleiros, unha situación operativa que xa foi desactivada. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie estimada de arredor de 50 hectáreas.

Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 2 técnicos, 5 axentes, 21 brigadas, 14 motobombas, 2 pas, 4 helicópteros e 4 avións.

Activo Chandrexa de Queixa (Requeixo e Parafita) e Vilariño de Conso-Mormentelos: 19.000 hectáreas

Os incendios no concello de Chandrexa de Queixa comezaron o venres 8, na parroquia de Requeixo, e o martes 12 na de Parafita. O xoves 14, reactivouse o incendio do concello de Vilariño de Conso, parroquia de Mormentelos. Os tres acabaron por unirse nun só lume que evoluciona favorablemente tras terse estabilizado os focos de Parafita e Requeixo. Segundo as últimas estimacións provisionais, afectan unha superficie de arredor de 19.000 hectáreas, parte delas tamén nos municipios de Manzaneda, Montederramo, A Pobra de Trives, O Bolo e Laza.

Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado, 23 técnicos, 158 axentes, 203 brigadas, 113 motobombas, 19 pas, 17 unidades técnicas de apoio, 32 helicópteros e 29 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Activo Oímbra-A Granxa e Xinzo de Limia-Gudín: 17.000 hectáreas

O martes 12 iniciouse no concello ourensán de Oímbra, parroquia da Granxa, un incendio forestal que se uniu con outro rexistrado o pasado venres 15 ás 17.22 horas na localidade ourensá de Xinzo de Limia, Gudín. Segundo as últimas estimacións, este incendio afecta unha superficie estimada de 17.000 hectáreas, ademais de nas localidades de Oímbra e Xinzo de Limia, nas de Monterrei, Cualedro, Verín, Laza, Trasmiras, Castrelo do Val e Baltar. O lume permanece activo, malia que evoluciona favorablemente, tras quedar estabilizado o foco de Xinzo de Limia.

Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 18 técnicos, 146 axentes, 195 brigadas, 120 motobombas, 4 pas, 7 unidades técnicas de apoio, 18 helicópteros e 33 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Activo A Mezquita-A Esculqueira: 10.000 hectáreas

Desde as 09.42 horas do martes 12 está activo o incendio forestal que se iniciou no concello ourensán da Mezquita, parroquia da Esculqueira e que segundo as últimas estimacións provisionais afecta arredor de 10.000 hectáreas en territorio galego. Este lume afecta tamén aos municipios da Gudiña e Viana do Bolo; así como a territorio da provincia de Zamora.

Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 7 técnicos, 48 axentes, 56 brigadas, 50 motobombas, 4 pas, 1 tractor, 4 unidades técnicas de apoio, 11 helicópteros e 20 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME). Tamén colaboraron nas tarefas de extinción medios terrestres portugueses.

Activo Larouco-Seadur: 30.000 hectáreas

Desde as 18.55 do mércores 13 está activo o incendio no concello de Larouco, parroquia de Seadur, que afecta unha superficie estimada de máis de 30.000 hectáreas en territorio galego, no propio concello de Larouco e nos de Quiroga, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, A 

Rúa, Petín, Rubiá, A Veiga e Vilamartín de Valdeorras. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 51 técnicos, 215 axentes, 287 brigadas, 209 motobombas, 12 pas, 6 unidades técnicas de apoio, 14 helicópteros e 15 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Activo Carballeda de Valdeorras-Casaio (anteriormente A Veiga-A Ponte): 3.000 hectáreas

Desde as 18.42 horas de luns está activo un incendio no concello ourensán de Carballeda de Valdeorras, parroquia de Casaio (anteriormente denominado A Veiga-A Ponte), que segundo as últimas estimacións provisionais afecta arredor de 3.000 hectáreas e que entrou en Galicia dende Castela e León.

Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 28 axentes, 42 brigadas, 22 motobombas, 2 pas, 6 técnicos, 10 avións e 11 helicópteros.

 

 

 Oia-Mougás. Desactivada Situación 2: 60 ha

Dende as 18.55 horas deste venres está estabilizado o incendio forestal do concello pontevedrés de Oia, parroquia de Mougás, que se iniciou ás 18.41 horas de onte xoves e no que se desactivou a Situación 2 decretada como medida preventiva pola proximidade do lume ao núcleo de poboación de Mougás. Segundo as últimas estimacións provisionais, afecta unha superficie estimada de arredor das 60 hectáreas.

Mobilizáronse de xeito acumulado para a súa extinción 2 técnicos, 7 axentes, 11 brigadas, 13 motobombas, 1 pala, 1 helicóptero e 2 avións.

 Carballeda de Avia-Vilar de Condes e Beade-As Regadas: 4.000 ha

O venres 15 ás 16.38 horas iniciouse o incendio forestal do concello ourensán de Carballeda de Avia, parroquia de Vilar de Condes. Ese mesmo día, ás 18.16 rexistrouse outro na localidade ourensá de Beade, parroquia de As Regadas. Os dous lumes uníronse nun só lume, que está estabilizado desde onte xoves ás 11.36 horas e que segundo as últimas estimacións afecta a unha superficie de 4.000 hectáreas, parte delas nos municipios de Avión, Melón, Leiro e Ribadavia.

Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 3 técnicos, 87 axentes, 152 brigadas, 86 motobombas, 4 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 10 helicópteros e 12 avións.

 Vilardevós-Moialde: 600 ha

Ás 20.22 horas deste mércores estabilizouse o incendio forestal do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Moialde, que se iniciou ás 16.05 horas do luns 11. Afecta, segundo as últimas estimacións provisionais, arredor de 600 hectáreas.

Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 4 técnicos, 28 axentes, 39 brigadas, 23 motobombas, 3 pas, 10 helicópteros e 6 avións.

Vilardevós-Vilar de Cervos: 900 ha

Ás 23.44 horas do martes 19 quedou estabilizado o incendio do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Vilar de Cervos, iniciado mércores 13 ás 18.09. Segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 900 hectáreas.

Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 3 técnicos, 22 axentes, 14 brigadas, 15 motobombas, 3 helicópteros e 5 avións.

 Vilardevós-Fumaces e a Trepa: 100 ha

Estabilizado desde as 01.39 horas do martes 19 o incendio iniciado ás 17.41 horas do xoves 14 no concello de Vilardevós, parroquia de Fumaces e a Trepa, que segundo as últimas estimacións rolda as 100 hectáreas.

Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 2 axentes, 8 brigadas, 6 motobombas e 3 avións.

 Riós-Trasestrada: 20 ha

Estabilizado desde as 01.39 horas do martes 19 o lume que comezou o luns ás 14.33 horas no concello ourensán de Riós, parroquia de Trasestrada, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 20 hectáreas.

Para a súa extinción mobilizáronse, no seu conxunto, 2 axentes, 2 brigadas, 1 motobomba, 2 helicópteros e 3 avións.

 Montederramo-Paredes: 120 ha

Segue estabilizado desde as 10.35 horas do martes 12 o incendio forestal do concello ourensán de Montederramo, parroquia de Paredes, que se iniciou o luns ás 04.50 horas e que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 120 hectáreas.

Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 2 técnicos, 6 axentes, 13 brigadas, 12 motobombas, 2 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 7 helicópteros e 7 avións.

Agolada-O Sexo: 400 ha

Ás 16.35 horas de onte deuse por controlado o incendio forestal do concello de Agolada, parroquia do Sexo, que se iniciou o pasado venres e o cal, segundo as últimas estimacións provisionais, afecta unha superficie de 400 hectáreas. Neste incendio foi preciso activar a Situación 2, medida adoptada de forma preventiva pola súa proximidade ao núcleo de poboación do Sexo.

Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 5 técnicos, 29 axentes, 47 brigadas, 52 motobombas, 4 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 4 helicópteros e 2 avións.

Maceda (Santiso e Castro de Escuadro): 3.500 ha

O domingo 10 e o martes 12 comezaron dous incendios forestais no concello ourensán de Maceda, nas parroquias de Castro Escuadro e Santiso, respectivamente. Ambos acabaron tamén por unirse nun só lume que quedou controlado ás 19.52 horas de hoxe venres. Segundo as últimas estimacións provisionais, este incendio afecta en conxunto unha superficie de arredor de 3.500 hectáreas, parte delas do municipio de Vilar de Barrio.

Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 11 técnicos, 94 axentes, 152 brigadas, 84 motobombas, 11 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 17 helicópteros e 18 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade