A Coruña comezará a aplicar a taxa turística no mes de setembro
A Coruña será a primeira cidade de Galicia en aplicar a taxa turística, que será de entre 1 e 2,5 euros
O pleno municipal aprobou a taxa este xoves cos votos a favor de PSOE e BNG e co PP votando en contra
Santiago aproba a taxa turística e entrará en vigor o 1 de outubro
A Coruña será a primeira cidade de Galicia en aplicar a taxa turística. En principio está previsto que os visitantes paguen entre 1 e 2,5 euros por noite.
O pleno municipal da Coruña aprobou este xoves, cos votos a favor de PSOE e BNG e a negativa do PP, a implantación da taxa turística.
O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica José Manuel Lage explicou que a medida empezará a aplicarse en setembro, co obxectivo de lograr un modelo turístico máis sostible e destinar o recadado á promoción do turismo e o reforzo de servizos públicos como a limpeza, a seguridade ou o socorrismo.
Hai catro supostos de cota cero, sen taxa
Pero non pagarán todas as persoas que cheguen á cidade. Hai catro supostos de cota cero, é dicir, non pagarán a taxa: persoas que asistan a congresos ou actividades formativas, menores de idade, persoas hospitalizadas e os seus acompañantes e participantes en programas sociais de acollida ou emerxencia.
A aplicación desta taxa aos cruceiros non se activará ata o 1 de xaneiro de 2026
A teoría do equipo de Goberno, defendida por Lage, é que ninguén vai deixar de vir á Coruña por pagar un euro máis por noite nun hotel. Lage citou os exemplos de Lisboa, Barcelona e París, que teñen a taxa e non perderon visitantes.
Crearase unha comisión para facer seguimento desta medida
O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica anunciou que se creará unha comisión para facer un seguimento desta medida. O concelleiro do BNG, Francisco Jorquera lembrou que o turismo é un actividade económica importante, pero hai que ordenalo.
O obxectivo é evitar o impacto na xentrificación de barrios, a redución de ofertas de alugueiro residencial e equilibrar os custos que ocasiona esta actividade.
Jorquera dixo que non coñece ningunha cidade que perdese visitantes por esta taxa e pediu, con todo, que vaia acompañada por medidas para mellorar a política turística.
O PP, que votou en contra desta medida, manifestou que na Coruña non hai presión turística alta e isto vai facer que perda competitividade.
O edil popular Gonzalo Moura lamentou que o Executivo local queira recadar máis con esta taxa, pero deixa de investir en barrios e de executar partidas.