Merelles: "Estamos ás portas de pechar un dos mellores anos turísticos en Galicia"
O director de Turismo de Galicia salienta que o sector medrou un 2,5% con respecto a 2024 e supera o 10% do PIB
Di que o Camiño de Santiago é un dos principais reclamos do turismo estranxeiro, que xa representa o 30% do total
Avanza que o Goberno galego se está a preparar para recibir visitantes co gallo da eclipse solar de 2026
O director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, afirma que o sector vai camiño de bater un novo récord neste 2025.
Na entrevista dos domingos da Radio Galega, sinalou que o sector medrou un 2,5% con respecto a 2024 e que a actividade turística xa supón máis do 6% dos ingresos do sector hoteleiro.
"Cos datos dos que dispoñemos, ata finais de outubro, podemos dicir que estamos ás portas de pechar un dos mellores anos turísticos en Galicia. O turismo é cada vez unha actividade máis rendible. Supera o 6% dos ingresos do sector hoteleiro, que están en 408 millóns de euros nestes dez meses en relación co ano anterior. A rendibilidade das empresas tamén medra arredor dun 7%".
Unhas cifras que, segundo Merelles, tamén hai que atribuír ó Camiño de Santiago que segue a ser un "elemento tractor" para a actividade turística e económica en Galicia.
"Temos que ter en conta que estamos ás portas do Xacobeo 2027 e non hai que esquecer que cando remate 2025 superaremos os 500.000 peregrinos, o que é unha cifra moi importante".
Xosé Manuel Merelles engadiu que o número de peregrinos procedentes do estranxeiro aumentou un 57% dos que os Estados Unidos é o principal país emisor.
"Os nosos retos pasan por traballar por unha actividade turística cada vez máis sostible no ámbito social, no económico e no respecto á natureza".
Neste sentido, apuntou que o Goberno galego investirá, a través de diferentes departamentos, mil millóns de euros nun plan estratéxico que ten como horizonte o ano 2030.
"Agardamos que o Xacobeo sexa unha panca da promoción de Galicia en todos os ámbitos. Estamos traballando para que as empresas e as institucións colaboren con nós. O Consello da Xunta xa aprobou o Plan Director de Patrocinios e tamén imos programar unha liña de axudas que se vai denominar Constrúe o Xacobeo".
Merelles explicou que o obxectivo é que os beneficios do próximo Ano Santo repercutan en toda a sociedade.
Turismo estranxeiro
O Camiño de Santiago é un dos principais reclamos que atrae os turistas estranxeiros. Este perfil de visitantes representa xa máis do 30% do total de turistas que chegan á comunidade. Unha cifra importante, dado que estes viaxeiros son os que realizan un desembolso maior.
"O gasto medio diario dos turistas en Galicia está nuns 145 euros e no caso dos estranxeiro uns 170 euros. Pero hai que ter en conta que os norteamericanos gastan 228 euros ao día".
De aí, abondou Merelles, a importancia da combinación de dous recursos como o Camiño e o termalismo para atraer este tipo de visitantes.
"Recentemente presentamos en Nova York o programa "Galicia Spa Pilgrimage" e foi acollido con moito interese polas asociacións de axentes turísticos".
Desestacionalización e desconcentración
O director de Turismo de Galicia indicou que a actividade turística supera o 10% do produto interior bruto (PIB) de Galicia e que a rendibilidade dos establecementos hoteleiros vai a máis, ata o punto de que "é unha das actividades económicas máis importantes que hai na comunidade".
"O sector turístico representa o 10% dos empregos de Galicia e hai un dato extraordinario que se produciu en agosto de 2024 cando, por primeira vez, os postos de traballo relacionados co sector servizos e co turismo superaron os 100.000".
Con todo, o responsable de Turismo da Xunta asegurou que hai marxe para seguir crecendo e apostou pola desestacionalización e a desconcentración.
"Cada vez temos cifras de ocupación máis altas en meses que non son especialmente turísticos e observamos un fenómeno de desconcentración en territorios que non eran habitualmente turísticos".
Xosé Manuel Merelles puxo como exemplo a provincia de Lugo, que é "a que máis medrou nestes primeiros dez meses de 2025" e tamén as comarcas de Celanova e da Terra Chá como as que máis medraron "en termos absolutos".
"Son indicadores que nos din que estamos traballando no bo camiño para lograr que os beneficios do turismo estean ben distribuídos no territorio".
O titular de Turismo do Goberno galego negou, na entrevista dos domingos da Radio Galega, que haxa destinos masificados e limitou este fenómeno a momentos puntuais.
"Nós observamos que non existe masificación agora mesmo en ningún destino de Galicia. Obsérvase, algunha vez, concentración de visitantes pero non é nada que non teña arranxo".
Nese sentido, Xosé Manuel Merelles, apuntou que traballan na posta en marcha de dous proxectos piloto no Castro de Baroña e na contorna do Faro de Fisterra. Trátase de dous plans directores para mellorar as visitas.
"Facer a estancia do visitante máis agradable e tamén ordenar dun xeito máis obxectivo os recursos naturais e os recursos que ten o propio concello. Concretamente en Fisterra temos un sistema de sensores que nos permite saber canta afluencia hai tanto de peregrinos como de visitantes".
Taxa Turística
Xosé Manuel Merelles explicou que a Xunta promoveu a Lei do imposto turístico ante a demanda dalgunhas cidades como Santiago.
Con todo, e segundo puntualizou, non se están dando certos requisitos contemplados na norma, o que provocou -ao seu entender- que o sector recorrera contra ela tanto en Compostela coma na Coruña.
"O que prevía a lei é que houbese diálogo e que se distribuísen os beneficios dun xeito coordinado entre a sociedade e o sector hoteleiro pero vimos que moito diálogo non houbo porque se recorreu".
Enoturismo
O director de Turismo da Xunta indicou, na entrevista dos domingos da Radio Galega, que a gastronomía é "a segunda motivación daqueles que queren visitar Galicia".
Xosé Manuel Merelles tamén se referiu ás iniciativas financiadas con fondos Next Generation para promover o enoturismo fomentando que as adegas combinen a degustación dos caldos coa gastronomía do país.
"Cando remate a execución destes fondos, en xuño de 2026, Galicia vai poder gozar dunha oferta enoturística de primeiro nivel grazas a estas achegas pero tamén á vontade do sector para ofrecer un produto de primeira calidade".
Eclipse solar
O responsable de Turismo da Xunta tamén se referiu á eclipse solar que se poderá apreciar dende boa parte do territorio galego o ano que vén. Segundo sinalou, o Goberno galego xa se está a preparar para este acontecemento.
"Observamos dende o punto de vista turístico bastante interese e temos que estar preparados para os movementos de persoas e para a seguridade. Tamén hai un aspecto que é o sanitario, xa que a eclipse non se pode ver directamente. Hai que tomar precaucións e xa estamos traballando con diferentes departamentos da Xunta".