O espazo de Galicia en Fitur obtén dous premios: o de mellor estand e o de máis sostible
O estand de Galicia en Fitur recibiu o premio de sustentabilidade: foi construído cun materiral de fibra "elaborado a partir da reciclaxe de máis de 53.500 botellas de plástico PET" e no interior optaron por madeira procedente de bosques locais
O premio ao Mellor Estand opola "súa estética sobria e elegante", e porque a instalación daba a benvida aos visitantes e "levábaos máis aló do visual, achegándoos á reflexión e a conexión"
A Xunta destaca que esta é a segunda vez que un estand logra dous premios, na historia de Fitur
Galicia pecha este domingo a súa estadía en Fitur con dous premios. O espazo galego na feira de turismo de Madrid recibiu o premio ao Mellor Estand das Comunidades Autónomas e o recoñecemento ao Mellor Expositor Sostible, segundo informou este domingo a Xunta.
O premio ao Mellor Estand desta edición de Fitur débese, segundo salienta o comunicado da Xunta, a que o xurado o valorou pola "súa estética sobria e elegante", e porque a instalación daba a benvida aos visitantes e "levábaos máis aló do visual, achegándoos á reflexión e a conexión".
O comunicado do departamento de Turismo do Goberno galego explica que o estand da Xunta recibiu o premio de sustentabilidade pola súa "aposta pola innovación na creación dun material de fibra elaborado a partir da reciclaxe de máis de 53.500 botellas de plástico PET, o que representa ata 75 botellas por metro cadrado".
Este material utilizouse nos paneis exteriores e en parte do mobiliario, como os mostradores, e decidiuse conscientemente deixalo á vista, indica a nota.
Trátase dun material que se utilizaba ata fai moi pouco só en arquitectura de interiores e esta é unha das primeiras ocasións en que se utiliza en arquitectura efémera, mentres que nas estruturas interiores, optouse por madeira procedente de bosques locais, "xestionados de forma responsable", segundo Turismo.
Na elección do mellor expositor sostible, sinala a Xunta que tamén se tivo en conta a preservación das tradicións mediante a promoción da música e a danza galegas.
A Xunta de Galicia lembra que durante a fin de semana, ofrecéronse actuacións de música e danza tradicionais a cargo do dúo Caamaño&Ameixeiras e o grupo Xacarandaina.
No estand de Galicia en Fitur presentáronse produtos que demostran a sustentabilidade do destino, incluíndo iniciativas como a degustación de xeados das dúas marcas galegas Calidade con sabores galegos, Bico de Xeado e A Central Heladera; ou o Salón de Té Camelia durante a fin de semana, que se instalou na zona de profesionais para darlle un novo uso a este espazo.
Tamén se presentaron novos produtos que espertaron "gran interese" entre os profesionais, como 'Galicia en Roteiro' ou 'Galicia Top Secret', 'Concertos do Xacobeo' ou 'Turismo Deportivo', a proposta de Galicia como porta de entrada á eclipse solar ou a iniciativa Galicia Balneario Pilgrània, que combina o turismo termal e de benestar co Camiño de Santiago.
En total, realizáronse ao redor de 50 presentacións para profesionais, indica o comunicado, que resalta que a edición de Fitur deste ano foi "histórica" xa que se trata do segundo caso na historia da feira en que un estand obtén dous premios.