O Celta Fortuna cede un empate ante o líder no tempo de prolongación (1-1)
Un golazo do central Anxo adiantaba os celestes no inicio da segunda metade
O empate de De Miguel chegou no tempo de prolongación
Os tinerfeños manteñen a renda de dez puntos co conxunto olívico
@canteiraceleste
Agridoce empate do filial celeste ante o Tenerife. Os vigueses refíxeronse a unha mala primeira metade para ter moi preto o triunfo, tras o gran gol do canteirán Anxo, pero unha desafortunada xogada no minuto 94 propiciou o definitivo empate.
Na primeira metade o dominio do Tenerife foi case total. O adestrador tinerfeño Álvaro Cervera tirou do FVS xa no minuto catro tras unha caída de Nacho Gil na área. Pero o colexiado non considerou suficiente o contacto entre o xogador tinerfeño e o céltico Ribes. A conexión de Gil co ex deportivista Noel López levou numerosos problemas á zaga céltica que era superado unha e outra vez pola banda zurda dos insulares. Pero faltoulle acerto ó equipo tinerfeño.
O partido trocaría na segunda metade tras o temperán gol do céltico Anxo. O central roubou o balón en liña de tres cuartos, conduciu ata a frontal da área onde sacou un marabilloso remate co interior da bota que entraba na meta de Dani Martín. O Tenerife foi a polo empate pero o equipo vigués contragolpeaba con perigo. Angelito Arcos tivo a mellor dos celestes pero errou no man a man co meta tinerfeño. O adestrador visitante, Álvaro Cervera, encheu o equipo de dianteiros coas entradas de Cris Montes, De Miguel e Gastón Valles. E unha xogada levada entres os tres incorporados finalizaría cun remate de De Miguel que, con algo de fortuna, suporía o definitivo empate a un tanto, xa dentro do tempo de prolongación.