Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os EUA e Rusia acordan restablecer o diálogo militar de alto nivel

Os EUA e Rusia acordan restablecer o diálogo militar de alto nivel

O diálogo militar entre ambas potencias estaba en suspenso desde 2021

Abu Dabi acolle unha nova rolda de negociación entre Rusia, Ucraína e os EUA. Reuters. Abu Dabi acolle unha nova rolda de negociación entre Rusia, Ucraína e os EUA. Reuters.
G24.gal 05/02/2026 17:30

Os Estados Unidos e a Federación Rusa acordaron este xoves en Abu Dabi restablecer o diálogo militar de alto nivel, que foi suspendido no outono de 2021, poucos meses antes da invasión rusa de Ucraína.

"Tras o progreso produtivo e construtivo cara ao obxectivo de paz en Ucraína do presidente Trump alcanzado por Jared Kushner e o enviado especial Steve Witkoff durante a última semana, os Estados Unidos e a Federación Rusa acordaron hoxe en Abu Dabi restablecer o diálogo militar de alto nivel", informou o Mando Europeo das Forzas Armadas dos EUA nun comunicado.

O restablecemento do diálogo entre ambas forzas armadas ten lugar tras as reunións na capital dos Emiratos Árabes Unidos entre o comandante do Mando Europeo dos EUA, o xeneral estadounidense Alexus G. Grynkewich e altos funcionarios militares rusos e ucraínos.

"Esta canle proporcionará un contacto militar constante mentres as partes continúan traballando cara a unha paz duradeira", apuntou o exercito estadounidense.

O xeneral Grynkewich tamén ten autoridade no seu papel de Comandante Supremo Aliado da OTAN en Europa, para manter un diálogo militar co xefe do Estado Maior Xeneral da Federación Rusa, o xeneral Valery Gerasimov, "co fin de evitar erros de cálculo e proporcionar un medio para evitar unha escalada non intencionada por ambas as partes".

"O xeneral Grynkewich espera con interese iniciar este diálogo de alto nivel", conclúe o comunicado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade