O Goberno amplía a cobertura sanitaria a españois no exterior que visiten España
Terán dereito a asistencia todos os españois que residen noutro país e os seus familiares
O decreto aparece publicado no Boletín Oficial do Estado
Todos os españois que residen noutro país e os seus familiares terán dereito a recibir asistencia sanitaria cando visiten España de forma temporal. Así se recolle no real decreto 180/2026 que entrou en vigor tras a súa publicación no Boletín Oficial do Estado.
Segundo o Goberno, a norma responde a unha "demanda social histórica", xa que ata o de agora só tiñan este dereito traballadores e pensionistas españois residentes no exterior.
De agora en diante, a cobertura sanitaria esténdese a todos os españois que residen fóra, aínda que non desempeñen actividade laboral nin perciban prestacións.
Os familiares tamén terán cobertura
O decreto aprobado polo Goberno recoñece o dereito á asistencia sanitaria para os familiares que acompañen o titular durante a súa estancia temporal.
Considéranse familiares con dereito o cónxuxe ou parella de feito e os descendentes do titular, do cónxuxe ou da parella de feito, que sexan menores de 26 anos ou maiores con discapacidade igual ou superior ao 65 %.
A asistencia sanitaria prestarase durante o tempo de estancia declarada en España, cun máximo de tres meses, tendo en conta que o período total non poderá superar os seis meses por ano.
O Goberno destaca, nun comunicado, que esta medida reforza "os principios de universalidade, cohesión e equidade" que rexen o Sistema Nacional de Saúde.