Publicador de contidos

Publicador de contidos

A OCU reclama que se elimine xa a cita previa obrigatoria para trámites urxentes na Administración

A OCU reclama que se elimine xa a cita previa obrigatoria para trámites urxentes na Administración

Segue sendo necesaria para pedir o DNI ou para a atención presencial na DXT, o Sepe ou o INSS

Ter que facer reserva convértese nunha barreira para milleiros de cidadáns, sobre todo persoas maiores

G24.gal 16/03/2026 15:30

"Tes cita?". É unha das grandes preguntas do noso tempo. Impulsada no seu día polas restricións da pandemia, a obriga de pedir cita previa segue asentada para moitos trámites presenciais na Administración Pública.

É necesaria para sacar o DNI, por exemplo, ou para acudir á Dirección Xeral de Tráfico, no seu caso agás para as persoas maiores de 65 anos. Tamén se esixe no INSS, ou no Servizo Público de Emprego Estatal para solicitar a prestación do paro. A Organización de Consumidores e Usuarios denuncia que segue a ser "un obstáculo grave para acceder a trámites esenciais" e reclama que se elimine, cando menos, para os trámites máis urxentes.

"A min paréceme moi ben que che pidan cita porque é un xeito de que te atendan na túa hora e non ter que agardar", di unha usuaria ao saír dunha oficina do Sepe en Vigo.

"A min paréceme moi ben, polo menos non se xunta un montón de xente", engade outra muller logo de ser atendida no mesmo servizo.

Pero a OCU di que, ás veces, hai trámites que se complican moitísimo polo requisito da cita previa. Por unha banda, pode ser un problema para a xente con dificultades para se manexar nas novas tecnoloxías, persoas de idade avanzada, sobre todo. Nin son quen de realizar os trámites en liña, cando hai esa posibilidade, nin conseguen reservar cita para un encontro presencial, porque pedir a cita é en si mesmo un proceso enguedellado.

Ademais, para algúns servizos non se poden conseguir citas durante semanas, o que impide resolver os problemas dos usuarios. A OCU comprobou que en distintas cidades españolas non se pode obter cita ata 28 ou 32 días despois para o Sepe ou para o INSS.

"A min xa me custa ás veces pedila. Cando teño que pedila por Internet, ás veces non son capaz", conta unha muller nunha oficina de emprego en Vigo.

"A min pedíronma porque, se non, doado non é", explica un home logo de facer un trámite en Lugo.

"Tamén é comprensible que persoas maiores non entendan ese tipo de métodos", corrobora un mozo que vén de realizar outra xestión.

Algúns organismos non esixen cita, pero, como Política Social, atenden antes os que a pediron. Outra cousa son os prazos. Pode haber semanas enteiras sen citas dispoñibles e, logo, o procedemento chega a demorarse meses.

"Vexo que ás veces está colapsado o das citas previas e non sei por que. Porque logo vés, e non hai tanta xente como se cre", resume unha muller tras completar un asunto na sede da Xunta en Vigo.

Segundo os xuristas, a cita previa obrigatoria na Administración non é legal porque contradí o dereito fundamental do acceso da cidadanía á Administración Pública. O Goberno prometeu eliminala como requisito, pero, de momento, segue vixente en diferentes departamentos. 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade