Algo máis de 2.300 peregrinos camiñaron baixo a neve, o vento e a chuvia este mes
Esta mañá chegaron a Compostela pouco máis de trinta de peregrinos
En xaneiro de 2025 completaran a ruta 2.900 persoas
Son ás dez da mañá e a última etapa do Camiño Francés está deserta. Tampouco atopamos un só peregrino no Monte do Gozo onde o albergue privado está pechado como moitos outros en Galicia durante o inverno.
"Pois como dúas ou tres persoas ao día, o mal tempo afecta moito e despois é un mes de moi baixa ocupación. Hai moi poucos peregrinos no camiño", di a persoa encargada da recepción. "A maior parte dos albergues privados da zona de Santiago, e penso que de toda Galicia, están pechados, ata o mes de marzo", explica.
Os temporais que se suceden estas semanas non convidan a botarse a andar quilómetros e quilómetros a intemperie. Este mes de xaneiro completaron a ruta 2.314 camiñantes, case 600 menos que o ano pasado.
"Foi duro, chuvia, chuvia e chuvia", di unha peregrina.
Seis de cada dez peregrinos que chegaron a Santiago este ano son estranxeiros coma estas dúas mulleres polacas as que non intimidou nin a chuvia nin o vento.
Os valentes que emprenderon camiño contra neve, chuvia e vento parece que tamén atopan vantaxes e proveito a facer a ruta no inverno.
"Foi duro, pero xa estamos aquí", di unha muller na Praza do Obradoiro.
"Falamos con pouca xente, porque encontramos poucos peregrinos pero máis espiritual", contan dous peregrinos.
Coma esta parella andaluza, unha trintena de peregrinos chegaron hoxe a Santiago.