Publicador de contidos

Publicador de contidos

A cancelación de viaxes de grupos asiáticos pola guerra afecta pouco a Galicia

A cancelación de viaxes de grupos asiáticos pola guerra afecta pouco a Galicia

O turismo procedente dos países orientais aínda é un mercado emerxente

As axencias galegas comezan a rexistrar anulacións para viaxar a Oriente Próximo

G24.gal 07/03/2026 16:07 Última actualización 07/03/2026 17:31

A guerra de Irán está afectando o sector do turismo en todo o mundo. Tamén en Galicia, onde moita xente está a cancelar ou pospoñer os seus plans de viaxe a Oriente Próximo.

Porén, e fronte a outros destinos españois, a nosa comunidade non se ve afectada por cancelacións de turistas dese continente porque o asiático aínda é un mercado emerxente. Os datos de Turismo de Galicia son elocuentes.

Corea do Sur é a comunidade que máis nos visita. De tradición cristiá, veñen facer o Camiño de Santiago. Ademais, constátase un progresivo incremento de turistas procedentes da China ou do Xapón.

Así e todo, aínda constitúen unha porcentaxe pequena do 30% de turismo estranxeiro anual en terras galegas. Para facernos unha idea, no 2025 peregrinaron a Compostela 1.300  persoas de orixe nipoa fronte ás 50.000 de América do Norte. 

"Non son os mercados emisores fundamentais todos os que proceden de Oriente Próximo e do sueste asiático. Son mercados emerxentes dos que nós facemos promocións e cos que traballamos. O noso turismo internacional está en Europa e América", conta á Televisión de Galicia Xosé Manuel Merelles, director de Turismo de Galicia.

Visitamos unha axencia de Vigo e presenciamos como un cliente chama para anular a súa viaxe a Kuwait. Neste eido é onde se notan xa as consecuencias da guerra, sobre todo agora que falta menos dun mes para a Semana Santa.

"Está de moda ir a eses países en España e en todo o mundo. Ir a Dubai e aos Emiratos Árabes Unidos, ao Oriente Próximo... está de moda. E si, esta guerra aféctanos ás axencias de viaxe e incluso nas viaxes ao sueste asiático porque hai moitas conexións de voos nos países do Golfo Pérsico", explica Patricia Soares da Axencia de Viaxes Salvaturismo Galicia.

A solución ante a anulación das viaxes pasa polo reembolso ou devolución dos cartos, polo aprazamento da viaxe a través de bonos viaxe ou polo cambio de destino ao mesmo custo que o viaxe pactado anteriormente.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade