A Coruña, sen conexión ferroviaria ata o 11 de xullo polas obras na estación de tren
Renfe ofrece un servizo de bus para os viaxeiros que se collerá na propia estación temporal
As obras na estación de tren da Coruña, que en xuño entran nunha nova fase, obrigarán a suspender a circulación ferroviaria desde a cidade herculina entre o 26 de xuño e o 10 de xullo.
Renfe explicou que adaptará o servizo ante estas circunstancias. Por exemplo, non será posible viaxar de forma directa por tren entre Vigo e A Coruña. Será necesario realizar transbordo en Santiago de Compostela.
A reprogramación arrincou xa o 5 de xuño. Desde esa data e ata o 25 de xuño -primeira fase das obras-, os trens rexionais A Coruña-Vigo Guixar e os trens de Media Distancia A Coruña-Lugo e A Coruña-Ferrol realizaron transbordos por estrada. Concretamente, os rexionais A Coruña-Vigo, desde a cidade herculina ata Santiago de Compostela, e os outros dous, tamén desde A Coruña ata Betanzos-Infesta. Os transbordos, en ambos sentidos.
A interrupción total do tráfico chegará coa segunda fase das obras, que arrinca este venres. Ata o 10 de xullo, Renfe facilitará a mobilidade dos viaxeiros entre A Coruña e Santiago de Compostela para trens rexionais, Media Distancia, Avant e Alta Velocidade.
Tamén entre A Coruña e Betanzos Infesta para trens de Media Distancia da liña A Coruña-Lugo-Monforte-Ourense e A Coruña-Ferrol.
Igual que na fase anterior, por necesidades operativas de situación de material rodante, os primeiros servizos da mañá do 11 de xullo tamén poden verse modificados.