A Xunta somete a información pública o proxecto da planta de SAIC en Ferrol
O procedemento constitúe a primeira fase do proxecto estratéxico do fabricante chinés en Galicia
A partir deste venres ábrese un prazo de 30 días para a presentación de alegacións
A Xunta de Galicia someteu a información pública o proxecto e o estudo de impacto ambiental do complexo industrial para a produción e distribución de vehículos eléctricos e híbridos que a compañía chinesa SAIC Motor Corporation Limited proxecta construír no porto exterior de Ferrol, unha iniciativa declarada Proxecto Industrial Estratéxico (PIE) e que contempla un investimento próximo aos 197 millóns de euros.
O trámite, publicado este venres no Diario Oficial de Galicia (DOG), abre un prazo de 30 días hábiles para que persoas físicas ou xurídicas poidan consultar a documentación e presentar alegacións antes da autorización administrativa do proxecto.
A actuación corresponde á primeira fase do plan de implantación de SAIC en Galicia e desenvolverase no porto exterior de Ferrol, onde se levantará un complexo industrial de máis de 100.500 metros cadrados destinado á ensamblaxe, control de calidade, probas e distribución de vehículos eléctricos e híbridos.
Segundo a documentación sometida a exposición pública, a planta terá unha capacidade de produción estimada de 120.000 vehículos anuais e contará cun edificio principal de ensamblaxe, oficinas, almacéns, un circuíto de probas, áreas de almacenamento de vehículos terminados e outras instalacións auxiliares. Nunha segunda fase está prevista a ampliación da capacidade loxística e de almacenamento.
A Xunta destaca que o proxecto supoñerá un investimento de 196,9 millóns de euros e permitirá crear 1.000 postos de traballo directos en Ferrol, dos que 540 estarán vinculados á actividade produtiva e 460 a operacións loxísticas. Ademais, estima que o impacto total ascenderá a uns 2.000 empregos en Galicia ao incluír o emprego indirecto asociado ás cadeas de valor da automoción e a loxística.
O Executivo galego sinala, así mesmo, que a despregadura industrial de SAIC contempla futuras actuacións nas Pontes, onde poderían implantarse empresas provedoras e actividades vinculadas á fabricación de compoñentes para automoción, cunha estimación preliminar de máis de 300 empregos adicionais, en función das decisións de investimento das compañías auxiliares.
O proxecto foi declarado Proxecto Industrial Estratéxico polo Consello da Xunta o pasado 1 de xuño, ao considerar que contribuirá ao proceso de reindustrialización das comarcas de Ferrol e As Pontes, reforzando a capacidade industrial galega no sector da automoción e favorecendo o desenvolvemento dunha rede de provedores e servizos asociados.