Publicador de contidos

Publicador de contidos

SAIC elixe Galicia para a súa primeira planta europea de coches eléctricos

SAIC elixe Galicia para a súa primeira planta europea de coches eléctricos

A decisión chega logo das visitas á China dos presidentes do Goberno e da Xunta

O proxecto, que se vai instalar na comarca de Ferrolterra, suporá a creación de 5.000 postos de traballo directos

G24.gal 31/05/2026 09:40

SAIC Motor, propietaria da marca MG, escolleu a comarca de Ferrolterra para instalar a súa primeira planta de produción de vehículos eléctricos en Europa, un proxecto estratéxico cun investimento superior aos 500 millóns de euros. 

A estratexia, segundo o diario La Voz de Galicia, será dual, con dúas plantas, unha no Porto Exterior de Ferrol e outra nas Pontes. O obxectivo será producir ata 120.000 vehículos ao ano.

Este fito industrial é o resultado dunha ofensiva diplomática intensa. O anuncio chega logo das viaxes oficiais á China do presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez e do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, onde se reuniron coa cúpula directiva de SAIC.

O proxecto que vai crear 5.000 postos de traballo directos  en Galicia, aos que se sumarán outros miles en empresas auxiliares de loxística, compoñentes e servizos, supón todo un reto. 

Especialmente na formación da man de obra. Os vehículos eléctricos requiren perfís técnicos específicos e unha cadea de subministración distinta á do motor de combustión, o que obrigará á administración e aos centros de formación a deseñar programas específicos. 

Está previsto que a fábrica ocupe unha superficie superior aos 500.000 metros cadrados. 

O plan será declarado pola Xunta proxecto industrial estratéxico. 

SAIC Motor é o maior fabricante automobilístico da China por volume de vendas e conta cunha gama de vehículos que van desde os comerciais ata os turismos eléctricos de batería. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade