Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta acelera os trámites para que a fábrica de SAIC estea operativa en 2028

A Xunta acelera os trámites para que a fábrica de SAIC estea operativa en 2028

A multinacional chinesa presentou a solicitude a tramitación do proxecto industrial, que se instalará en Ferrol e As Pontes, e que suporá a creación de 2.300 postos de traballo

MG destaca como "un fito histórico" a súa futura fábrica de coches eléctricos en Galicia, a primeira en Europa continental

O PSdeG aplaude a instalación de SAIC en Galicia e o BNG, "prudente", agarda a saber os "termos exactos"

As infraestruturas e a experiencia industrial de Ferrol, claves para o proxecto de SAIC Motor

(Saic Motor-Arquivo)
G24.gal 01/06/2026 14:01 Última actualización 01/06/2026 16:15

O Consello da Xunta acordou este luns declarar Proxecto Industrial Estratéxico o plan que a multinacional chinesa do automóbil SAIC ten previsto instalar en Ferrol e As Pontes.

Aínda que xa nos días pasados xa se informara de que Galicia, e máis en concreto Ferrolterra, era o lugar elixido por SAIC, este luns o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciaba a solicitude da multinacional da tramitación "do primeiro proxecto industrial que vai facer en toda Europa".

Ese proxecto industrial instalarase entre o Porto Exterior de Ferrol e As Pontes de García Rodríguez.

Segundo explica a Xunta, o complexo suporá a creación de 2.300 postos de traballo, cun investimento inicial de 200 millóns de euros.

A declaración como Proxecto Industrial Estratéxico permitirá acelerar a tramitación e poder iniciar as obras en 2027 e que a fábrica estea operativa en 2028, co obxectivo de producir uns 120.000 vehículos ao ano.

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou a importancia do proxecto que aspira a creación dun hub industrial "semelleante ao que Stellantis ten na área de Vigo".

Incidiu en que Ferrol "leva décadas merecendo unha oportunidade así" tras anos de "reconversión". Di que "toda Galicia" celebrará esta implantación.

No entanto, a conselleira pide "prudencia" no marco dun proceso "moi longo" e "complexo". "Esperemos que chegue a bo porto", asegura

Segundo Lorenzana a consolidación deste proxecto suporía "o maior proxecto industrial que chegou a Galicia nas últimas décadas" e "a maior captación de capital estranxeiro no que vai de século".

Colaboración co Goberno central

Nas súas intervencións, tanto Rueda como Lorenzana apuntaron que aínda queda "un traballo longo e concienzudo", tras expresar o agradecemento ao Goberno central pola súa "implicación" e colaboración, que foi "exemplar" e que espera que continúe durante todo o proceso. 

Advirte de que haberá que seguir con "este traballo concienzudo" de preparación, para executar con "moita precisión" a planta. "Agora queda un traballo longo", deixa claro. Cre que este obxectivo "ten que ser compartido por toda as administracións con independencia da súa cor política".

Recentemente, tanto o presidente do Gobierno, Pedro Sánchez, como o titular do Executivo galego, Alfonso Rueda, viaxaron á China, onde mantiveron senllas reunións con representantes de SAIC.

O proxecto

O mapa de implantación abarca tres zonas: o porto exterior de Ferrol con fabricación de 120.000 eléctricos ao ano --con loxística de coches e compoñentes--; o polígono ferrolán de Mandiá para actividades de industrias auxiliares; así como un centro industrial e loxístico nas Pontes.

Os 2.300 empregos repártense en 1.000 directos pola planta de Ferrol, 1.000 indirectos e 300 nas Pontes. Sinala que elixiron esta zona porque "é a que mellor" se axusta ás súas necesidades operativas e loxísticas en Europa. 

Máis aló do proxecto industrial estratéxico da Xunta, Lorenzana explicou que son necesarios outros dous procedementos paralelos para que saia adiante a iniciativa.

Por unha banda, é preciso que o Porto de Ferrol outorgue as concesións portuarias á multinacional.

Así mesmo, a terceira pata pasa por que o Consello de Ministros declare a autorización de investimento estranxeiro ao tratarse dunha empresa de fóra da UE.

Para tal fin, a Xunta asignará un equipo especializado da Oficina Económica de Galicia para liderar "o acompañamento, seguimento e coordinación" dos trámites antes os municipios de Ferrol e As Pontes, así como ante a Autoridade Portuaria e o Goberno central. Busca cumprir o obxectivo "esixente" de SAIC de estar operativa antes de final de 2028.

"Fabricación local" para pagar menos aranceis 

Deste xeito, a empresa chinesa SAIC Motor establecerá en España a súa fábrica europea para producir vehículos eléctricos, en detrimento de a alternativa de Hungría. O fabricante busca mitigar os efectos dos aranceis da Unión Europea.

Cuestionada sobre se será unha fabricación ou só un ensamblado de compoñentes en Galicia, Lorenzana garantiu que haberá unha "fabricación local", pois "non tería moita escapatoria a empresa" porque "pagaría aranceis de non ter garantida a fabricación dentro de Europa". Lembra que o regulamento europeo, exceptuando as baterías, "esixe como mínimo un 70 % de fabricación local".

"Parece case imposible que SAIC poida chegar a incumprir o que está a manifestar nesa declaración de solicitude de proxecto industrial estratéxico", insistiu a conselleira.

SAIC é un xigante asiático con máis de 80.000 millóns de euros de cifra de negocios ao ano, 180.000 traballadores e con presenza en máis de 170 mercados internacionais.

MG, a marca máis vendida entre os fabricantes chineses na Unión Europea, pechou 2025 con máis de 300.000 matriculacións en Europa, impulsada pola súa imaxe británica, prezos competitivos e unha oferta variada de modelos.

"Un fito histórico"

A marca MG, da que é dona o xigante chinés SAIC, destaca como "un fito histórico" a súa futura fábrica de coches eléctricos en Galicia, a primeira na Europa continental.

Nun comunicado este luns, valora a importancia para o seu crecemento deste proxecto que se desenvolverá entre Ferrol e As Pontes (A Coruña), co que acelera a estratexia da marca "En Europa, para Europa".

"A través da nosa estratexia 'En Europa, para Europa', non só estamos a responder ao futuro da mobilidade, senón que estamos a contribuír a definilo. Mediante o investimento en capacidades locais, o fortalecemento da nosa presenza en Europa e o impulso dun ecosistema automobilístico máis competitivo, estamos a acelerar o camiño de Europa cara a un futuro de mobilidade máis limpo, intelixente e sostible".

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade