O PSdeG aplaude a instalación de SAIC en Galicia e o BNG, "prudente", agarda a saber os "termos exactos"
O PSdeG aplaude a instalación de SAIC en Galicia e o BNG, "prudente", agarda a saber os "termos exactos"
Os socialistas reivindicaron que a "alianza estratéxica comercial se pilotou" co presidente do Goberno
Os nacionalistas amosáronse "a favor de que se incremente o peso da industria no país" pero queren coñecer o proxecto en concreto
A portavoz de Industria do PSdeG, Patricia Iglesias, celebrou a elección do xigante asiático SAIC Motor de instalar unha factoría de coches eléctricos en Galicia e reivindicou que a "alianza estratéxica comercial pilotouse" co presidente do Goberno, Pedro Sánchez, mentres que a viceportavoz do BNG Olalla Rodil asegurou que os nacionalistas son "prudentes" ata ver "os termos exactos" do proxecto.
En conferencia de prensa este luns na Cámara galega, a preguntas dos medios antes de confirmarse a declaración por parte da Xunta como proxecto industrial estratéxico, a deputada socialista aplaudiu a decisión de SAIC de instalarse na Comunidade, aínda que puxo o foco na "coincidencia" da viaxe á China de Sánchez, onde estableceu "relacións institucionais e comerciais", polo que defendeu que foi o responsable estatal quen "pilotou esa alianza estratéxica comercial".
Así mesmo, Patricia Iglesias destacou que se propoñan "dúas localizacións", o porto exterior en Ferrol e As Pontes para as auxiliares.
Pola súa banda, Rodil subliñou que no seu momento defenderon que "sería unha boa noticia" que se instalase esa factoría en Galicia, pero dixo que son "prudentes" ata coñecer "en concreto o proxecto".
"Queremos ser prudentes. Estamos a favor de que se incremente o peso da industria no noso país, pero tamén quero ser prudente e ver os termos exactos en que se materializa esa proposta porque sabemos como as xoga o PP", expuxo antes de lembrar que con Altri "intentou vender unha biofábrica e de súpeto apareceu unha bomba ambiental".