Comeza o Galicia Fest en Vigo, este venres co prato forte de La Reina del Flow
Os abonos están esgotados pero aínda quedan entradas diarias
Este venres actúan Marylan, Sabela, Coti, La Reina del Flow e José Rico
O sábado será a quenda de Lory Meyers, Vera Fauna, Taburete, Álvaro de Luna, Fredi Leis e Juan Magán
No peirao de transatlánticos en Vigo xa está todo listo porque arrinca a segunda edición do Galicia Fest, un dos grandes eventos musicais do verán cun cartel de luxo. Os abonos están esgotados, pero, se están interesados, aínda quedan entradas diarias.
O Galicia Fest quere ser a banda sonora do inicio do verán neste escenario de luxo, coa ría a un lado e a cidade ao outro, e sobre todo boa música. Marylan serán os primeiros en poñer música a esta cita coa cultura na que tamén actuarán este venres Sabela, Coti, La Reina del Flow e José Rico.
A xornada do sábado combina música electrónica con indie e pop. Lory Meyers, Vera Fauna, Taburete, Álvaro de Luna, Carla Lourdes, Fredi Leis compoñen un cartel que pechará a última hora Juan Magán.
Moita expectación nas horas previas cun público entregado, formado por adolescentes na súa gran maioría, e que a primeira hora non dubidaron en agardar na entrada para coller os mellores postos para non perder detalle da actuación da estrela central do cartel. E é que a versión musical dunha telenovela colombiana emitida por Netflix causa furor entre a rapazada.
Por diante varios días de música e festa que colocan a Vigo no epicentro dos festivais en Galicia nesta última semana de xuño.