Publicador de contidos

Publicador de contidos

Conquistas e cargas, por María Bastida

OPINIÓN

Conquistas e cargas, por María Bastida

María Bastida 26/06/2026 08:53

​​​​​Galicia leva anos pedindo a transferencia da AP-9. É unha cuestión de lóxica elemental: a principal arteria viaria do país, a autoestrada que vertebra a fachada atlántica e condiciona a mobilidade diaria de milleiros de persoas, non pode seguir sendo xestionada como se Galicia fose usuaria de paso.

Por iso, en principio, a transferencia da AP-9 debería ser unha boa noticia. Debería selo. Pero o que se está a vender agora como un feito histórico ten demasiada pinta de tomadura de pelo. Porque unha cousa é transferir competencias e outra moi distinta é empaquetar unha hipoteca. Unha cousa é darlle a Galicia capacidade real de decisión e outra é entregarlle as chaves dunha autoestrada coa factura no maleteiro. E iso é o que hai que aclarar antes de sacar a bandeira, cortar a cinta e celebrar nada.

O problema non é que Galicia non queira a AP-9. Claro que a quere. Pero non pode aceptar que o Estado, que decidiu, prorrogou, regulou e xestionou durante décadas esta concesión, apareza agora como quen fai un xesto de xenerosidade mentres deixa aberta a porta a que os galegos acaben pagando o custo económico da operación. Iso non é autogoberno, é endosar a factura.

Porque a pregunta é moi simple: que se transfire exactamente? A capacidade de decidir ou a obriga de pagar? A titularidade dunha infraestrutura estratéxica ou unha carga económica imposible? O control dunha autoestrada clave para Galicia ou un problema financeiro que o Goberno central quere quitar de enriba?

Durante anos escoitamos que a AP-9 tiña que ser galega. Moi ben. Pero galega de verdade. Galega con financiamento, con garantías, con claridade xurídica e cun reparto honesto dos custos. Non galega só para que a Xunta teña que enfrontarse ás críticas polas peaxes, aos conflitos coa concesionaria, ás demandas de bonificacións e ás posibles compensacións. E tamén haberá que reservar unha mención especial para os entusiastas da operación. Para os que en Galicia din unha cousa e en Madrid votan outra. Para os que enchen a boca falando de país, pero aceptan que a factura quede envolta en néboa. Para os que chaman feito histórico o que pode acabar sendo un marrón histórico. Defender Galicia non é aplaudir calquera traspaso con tal de saír na foto. Defender Galicia é impedir que lle vendan como conquista o que pode ser unha carga.

Por iso a posición debería ser nítida. A AP-9 non pode ser outro episodio dese vello truco político: Madrid decide, Madrid cobra, Madrid prorroga, Madrid presume… e Galicia paga.

Iso non é unha transferencia. É poñerlle matrícula galega a unha factura de Madrid.

 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade