Publicador de contidos

Publicador de contidos

Daquídarredor: a asociación de Brión que vende froita e hortalizas da casa

Daquídarredor: a asociación de Brión que vende froita e hortalizas da casa

250 membros e voluntarios integran a asociación que xestiona unha cociña colaborativa no concello de Brión

Cada socio achega a súa colleita, coa que elabora marmeladas, conservas e outras preparacións

Venden, en conxunto ou por separado cada socio, a restaurantes, comedores escolares e tamén nun mercadiño semanal 

G24.gal 25/08/2026 20:16 Última actualización 25/08/2026 21:02

Vender a colleita da propia horta con selo de calidade a unha clientela de proximidade. É o obxectivo de Daquídarredor, unha asociación de Brión que promove o mercado local de alimentos en fresco ou preparados nunha cociña colaborativa.

Cada socio trae os froitos que cultiva na súa horta. A variedade é grande. "Kiwano, jalapeño, man de Buda, caviar cítrico, lima kaffir...", relata pablo Fuentes, socio de Daquídarredor, a ampla listaxe de hortalizas e froitas que cultiva na súa horta e coas que elabora distintas marmeladas, cremas ou encurtidos.

Elaboran máis dun cento de produtos preparados, ademais de alimento en fresco, pan e derivados de cereais. "Coméntaronme o proxecto e animeime a vir. Levo tres anos, elaborando marmeladas, zumes e conservas", comenta Germán Beiroa, socio e produtor de Daquídarredor.

Con achegas propias e axudas públicas da deputación da Coruña, o concello de Brión e fondos europeos, montaron a cociña, ubicada no último andar da área comercial Monte Balado, preto de Bertamiráns, en Brión. A través da asociación realizan cursos de manipulación de alimentos e obteñen licenza para comerciar.

Máis de 250 socios e colaboradores integran o proxecto Daquídarredor, uns 85 elaboran e venden de xeito conxunto. 

"Vimos elaborar produtos das nosas hortas, que doutro xeito se estragarían, e que non chegarían nunca ao mercado, porque non teñen rexistro sanitario. E aquí neste centro o que conseguimos é transformalos con rexistro sanitario", sinala Carmen Freire, unhas das fundadoras e coordinadora do proxecto Daquídarredor.

Venden a restaurantes, comedores escolares ou fundacións e tamén ao público xeral nun mercadiño semanal. 

"De marabilla, de momento vai de marabilla, sí. Hai moita xente implicada: restaurantes, colexios... E despois,co boca a boca, cada vez máis", asegura orgullosa Nieves Dosil, actual presidenta da asociación. 

O obxectivo é producir alimento na proximidade para un público local.    

"O que tratamos é de convencer a sociedade de que prácticamente non teríamos que mercar nada de fóra das nosas hortas se nos alimentaramos e mercaramos produtos da nosa contorna", afirma Carmen Freire.

Daquídarredor naceu en 2019. O seu exemplo prendeu e xa hai proxectos agroalimentarios semellantes, con selo ecolóxico, sostible e local nas catro provincias galegas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade