Só un 26 % dos consumidores é fiel ás súas marcas favoritas
A falta de dispoñibilidade dun produto afecta directamente ás decisións de compra
Case a metade dos consumidores cambian de marca se non teñen o produto que queren
"Sempre que vou ao supermercado sempre son os mesmos iogures, sempre o mesmo leite, sempre é a mesma pasta", confesa unha rapaza
Analizamos ata que punto somos fieis aos produtos que consumimos.
"Si, son bastante fiel ás marcas, si".
"Si, iso si, son fiel ás mesmas marcas, eu sempre vou aos mesmos sitios, non sei non me gusta cambiar".
"A verdade é que non son moi 'tiquismiquis' podo consumir o que faga falta pero sempre hai algo que gusta máis que outras cousas".
"Si, son fiel ás marcas", apuntan varios consumidores.
E que sucede se un día esa marca está esgotada?
"Se non hai, deixo ata que volva".
"Non busco o mesmo".
"Non o compro, agardo a que veña ese produto; son fiel, moi fiel, ademais".
Un estudo realizado pola Asociación de Fabricantes e Distribuidores sobre o impacto directo nas decisións de compra cando un produto non está dispoñible reflicte que só un 26 % dos consumidores deciden pospoñer a compra para outro día, ata que o atopen. Fronte a eles, un 48 % optan por levar outro similar aínda que sexa doutra marca.
"Se hai algo semellante que me convenza, si, pero normalmente agardo a que o repoñan".
"Depende canto necesite e o produto que sexa, hai cousas que teñen que ser, hai cousas que me dá igual".
"Compro un que sexa semellante, que me pareza que vai ser máis ou menos igual".
"Dependendo da preguiza e do tempo, collo algo semellante sen problema ningún".
"Home, depende da necesidade, se a necesitas momentaneamente pois colles outra, se non agardas; se tes abastecemento na casa, pois agardas".
Ter sempre un de reposto é a mellor solución para non rematar sendo infieis.
"Eu sempre teño de reposto, ou sexa, compro un e compro outro para ter de reposto".